O Consorcio de Santiago licita a redacción do Plan Especial de Protección e Rehabilitación de Conxo
O Consorcio de Santiago acaba de licitar a redacción do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da igrexa, hospital psiquiátrico e mosteiro de Conxo; incluíndo os seus xardíns e hortas, zonas de acceso e núcleos do contorno (PE-1R), co ámbito delimitado polo vixente Plan Xeral de Ordenación Municipal. O importe global do contrato ascende aos 201.770,76 euros. As persoas e empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 17 de xaneiro para presentar as súas ofertas. Unha vez adxudicado este servizo, prevese un período de execución de 24 meses.
Na redacción do Plan deberán reflectirse, entre outros aspectos, a importancia de preservar a calidade da paisaxe e do patrimonio edificado, mellorar a accesibilidade desde outros puntos da cidade, ademais dun sistema de xestión e sostibilidade que garanta a protección efectiva da área e os bens que abrangue.
O Plan deberá responder á situación actual do planeamento territorial, urbano e medioambiental que afecta ao ámbito. Ademais, deberá conter un anexo de recomendacións relativas aos seguintes ámbitos, limítrofes ou relacionados coa área PE-1R do PXOM: zonas libres e deportivas do contorno; área 21 contigua, de protección de interese paisaxístico; áreas 19 adxacentes, de protección de augas; áreas 15, de protección ordinaria; áreas do contorno afectadas polas ordenanzas 3, 3A, 5, 6, 10 e 11. E, así mesmo, os encontros co ámbito do PE-4R, Plan Especial de Protección, Mellora Medioambiental e Acondicionamento do Curso Fluvial do río Sar no treito Conxo-A Rocha; as áreas de infraestruturas, área 21; zonas de uso industrial, SUND-41; PP SUNP 15 AD 3-07-98; e estrada periférica de Santiago.
O conxunto do mosteiro de Conxo está declarado Ben de Interese Cultural pola súa excepcional calidade arquitectónica e valor histórico e está incluído na lista do Patrimonio Mundial da UNESCO xunto coa Cidade Histórica de Santiago. Así, o Plan Director terá como finalidade guiar as intervencións de mantemento, conservación, consolidación, restauración e rehabilitación, e trazar o perímetro da área de amortecemento do conxunto Patrimonio Mundial; co obxecto de manter a integridade do ben patrimonial -o seu Valor Universal Excepcional (VUE)-, buscando a súa sostibilidade.