O Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade valora da Consellería de Política Social a súa aposta polo “diálogo e a coordinación coa sociedade civil”

O CERMI premia as políticas de integración da discapacidade da Xunta de Galicia como Mellor Acción Autonómica a nivel nacional

Businessman in wheelchair, hand on wheel close up, office interior on background

A Xunta de Galicia acaba de ser distinguida polo Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) polas súas políticas de integración das persoas con discapacidade. O xurado do premio organizado polo comité vén de distinguir á Consellería de Política Social na categoría de Mellor Acción Autonómica e/ou local a nivel nacional.

Con este galardón, que é compartido co Concello de Barcelona, o Cermi recoñece “o alcance e vigor” das políticas de inclusión das persoas con discapacidade realizadas polo Goberno galego. O xurado tamén pon en valor da Consellería a súa “capacidade de diálogo e a cogobernanza coa sociedade civil” no desenvolvemento destas políticas.

Os premios cermi.es 2020 recoñecen as iniciativas, accións e o labor en favor das persoas con discapacidade e as súas familias. En concreto, neste certame distínguense ás intervencións feitas en ámbitos como a inclusión laboral, a investigación social e científica, a accesibilidade universal, a cultura inclusiva, a responsabilidade social, o activismo e o xénero, entre outros.

OUTROS GALARDOADOS

O listado de premiados complétase coa entidade pública empresarial Enaire, na categoría de Inclusión Laboral; a revista Actas de Coordinación Sociosanitaria da Fundación Casa, na modalidade de Investigación Social e Científica; e o Colexio de Rexistradores de España e o Centro de Referencia Estatal de Atención ao Dano Cerebral (Ceadac) comparte recoñecemento na categoría de Acción social.

Así mesmo, na modalidade de Accesibilidade Universal o premio é para o Concello de Madrid; na de Acción Cultural e/ou Deportiva Inclusivas galardóase ao Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais; na modalidade de Activista-Traxectoria Asociativa o CERMI recoñece a José Luis Martínez Donoso, do Grupo Social ONCE, e a Josefa Álvarez Ilzarbe, pola súa defensa dos dereitos das persoas con discapacidade. Por último, as Forzas Armadas de España son distinguidas na categoría Institucional e a Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (Cocemfe) recibe un Premio Extraordinario polo seu 40 aniversario.