O Centro Gaiastech activa o Xemelgo Dixital

O centro GaiásTech da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de activar o seu xemelgo dixital, que permite visitar virtualmente as súas instalacións dun xeito moi realista e interactivo a través dunha contorna 3D.

Ademais, o xemelgo permite visualizar o equipamento dispoñible do centro, así como as últimas actividades realizadas, consultar as futuras ou reservar algún dos sete espazos de traballo que ofrece GaiásTech.

Pódese acceder ao xemelgo desde calquera dispositivo a través da web do GaiásTech e solicitar a través del, mediante un formulario, os servizos habituais dispoñibles no centro, como a organización de actividades públicas.

O xemelgo dixital súmase así aos servizos que o GaiásTech ten xa en marcha para as empresas e a cidadanía co obxectivo de fomentar a transformación dixital e amosar as tecnoloxías disruptivas.

TECNOLOXÍAS DISRUPTIVAS

O xemelgo dixital é unha tecnoloxía disruptiva que representa unha contorna ou un obxecto físico, que ten numerosas aplicacións en diferentes ámbitos, coma visitas en realidade virtual ou seguimento dos procesos nunha planta industrial. Os xemelgos tamén poden entidades dinámicas, capaces de aprender, actualizarse e comunicarse cos seus homólogos físicos grazas ao intercambio de datos que se dá ao entre ambos, todo apoiándose en tecnoloxías coma IA, aprendizaxe automática e IoT. Outra das utilidades dos xemelgos virtuais é poder facer fronte a diversos problemas antes de que estes se presenten, ademais de explorar novas oportunidades e planificar para o futuro.

GAIÁS TECH

O GaiásTech é unha iniciativa da Xunta de Galicia para consolidar a transformación dixital do tecido produtivo e xerar produtos, solucións e servizos cunha pegada tecnolóxica, que proporcionen maior valor, innovación e competitividade nun ámbito global. En 2021, desde a súa inauguración no mes de xuño, desenvolveu máis de 60 actividades.

Así, a través de distintos servizos e actividades, o GaiásTech amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.

GaiásTech como espazo de demostración e experimentación tecnolóxica ofrece sete salas de traballo:

• EXPERIMENTUM Sala de Demostración.- Sala de 52 m2 con capacidade para 15 persoas que conta con pantalla e equipamento de son para celebrar actos.
• Sala Inmersiva.- Sala de 40 m2 con proxección nas 4 paredes que permite mergullarse en contidos 360º.
• INVENTIUM Salas de ideas x4.- Salas con capacidade para 5 persoas para manter reunións e usos variados.
• INGRESSUM Bancada e Muro de vídeo.- Espazo con capacidade para 45 persoas en fronte do Muro de Vídeo.
• IMAGINARIUM Espazo creativo.- Espazo con postos de traballo equipados con luces individuais, tomas eléctricas e conexión a Internet.
• OFFICIUM Estacións de traballo.- Espazo de traballo e para manter reunións 1v1.
• COLLOQUIUM Área Colaborativa.- Espazo para lecer, relaxarse e facer contactos.Imaxes relacionadas