Novo bono alugueiro mocidade
O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a aprobación por parte do Consello da Xunta do acordo polo que se autoriza a convocatoria do Bono alugueiro mocidade, unha nova axuda, que, cun orzamento de preto de 23 millóns de euros, prevé beneficiar a preto de 3.800 mozos galegos. “Busca que a xente moza poida ter máis facilidades para acceder en réxime de alugueiro a unha vivenda”, abundou.
Nese sentido, explicou que o obxectivo deste programa novidoso é facilitar á poboación menor de 36 anos o pago da renda da súa vivenda habitual cunha axuda de 250 euros ao mes, sempre e cando esta contía non supere o importe que abonan en concepto de arrendamento. A subvención concederáselles por un período de dous anos, coa posibilidade de recoñecer o dereito á axuda desde o 1 de xaneiro de 2022 ou desde a data de sinatura do contrato, sempre que esta sexa posterior.
Para poder acceder a estes incentivos, ademais de ter entre 18 e 35 anos no momento de pedir a axuda, os solicitantes deberán dispoñer dunha fonte regular de ingresos, acreditar que estes non superan 3 veces o Iprem (24.318,84 euros) e certificar que a vivenda en cuestión é a súa residencia habitual, entre outros requisitos.
En canto ao importe da renda de alugueiro, non poderá superar os 600 euros ¾300 se se trata dunha habitación¾, no caso das cidades. No caso dos municipios das contornas da cidades, esas contías máximas oscilarán entre os 450 e 500 euros no caso das vivendas, e entre os 225 e os 250 euros nas habitacións. No resto dos concellos, a renda de alugueiro das vivendas non poderá exceder os 400 euros e os 200 nas habitacións.
A convocatoria sairá publicada cunha dotación de 22,8 millóns de euros a repartir entre as anualidades 2022 e 2023. Neste sentido, cómpre indicar que a finais de maio o IGVS recibiu a metade dos fondos estatais reservados a esta liña de incentivos para 2022 —5,7 dos 11,4 millóns de euros comprometidos—, de xeito que o Goberno galego xa está en disposición de convocar estas subvencións nos vindeiros días.
De feito, o prazo de presentación de solicitudes abrirase ao día seguinte da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e pecharase o 31 de outubro de 2022 ou no momento de esgotamento do crédito orzamentario.
Ademais, o Bono alugueiro mocidade será incompatible con calquera outra axuda que poida conceder o Goberno galego, as entidades locais ou calquera outra administración ou entidade pública para o pagamento de alugueiro. Esta incompatibilidade non afecta ás axudas excepcionais a persoas especialmente vulnerables, ás perceptoras de prestacións non contributivas da Seguridade Social e ás persoas beneficiarias do Ingreso Mínimo Vital. Nestes casos a suma de todas as axudas non poderá superar o importe da renda.
A maiores, cómpre lembrar que o Goberno central anunciou a axuda no seu día como unha liña de carácter practicamente universal que permitiría aos mozos que viven en alugueiro acceder á mesma, pero a dotación económica destinada a Galicia só permitirá conceder ao redor de 3.800 axudas.
AXUDAS E PROGRAMAS
Tanto os 7 programas que se enmarcan no Plan para o acceso á vivenda 2022-2025, aprobado no Consello da Xunta celebrado a pasada semana, como o novo Bono alugueiro mocidade virán completar o amplo abano de axudas, incentivos e liñas de financiamento que a Xunta porá á disposición de particulares, comunidades de veciños, concellos e promotores en 2022 grazas a fondos propios da Comunidade e tamén ao diñeiro procedente da UE a través do programa Next Generation.
De feito, este ano está previsto que o Goberno galego xestione ao redor dunha trintena de programas cun orzamento global de case 180 millóns de euros para apoiar diferentes tipos de intervencións no eido residencial así como outras actuacións directas do IGVS —máis alá dos investimentos en marcha para construír novas vivendas de promoción pública—, que teñan como fin incrementar o actual parque público residencial.