Nova estratexia galega de acción exterior 2022-2026
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea presidiu hoxe a reunión do Consello de Acción Exterior (CAEX) na que se debateron as liñas básicas da nova Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX) para o período 2022-2026. Esta EGAEX deriva da recente Lei 10/2021 do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia.
Ademais de membros representantes da Xunta de Galicia, forman parte do CAEX o Consello da Cultura Galega, a FEGAMP, os representantes dos empresarios, das organizacións sindicais, das ONGD e das universidades.
Na reunión o director xeral explicou o novo Plan de Investimentos Conxuntos da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal (PIC) para o período 2021-2027, que foi aprobado no Plenario da Comunidade de Traballo Galicia – Norte de Portugal en xullo de este ano en Salvaterra do Miño. Outro punto da axenda foi o debate sobre as achegas preliminares dos integrantes do CAEX en relación coa Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX) 2022-2026, así como sobre a estrutura da mesma.
Esta EGAEX 2022-2026 será o instrumento que terá Galicia a partir da xa aprobada Lei de Acción Exterior 2021 para afrontar a súa presencia no exterior. Ten como eixos fundamentais Portugal e os países da lusofonía, Europa e a UE, o ámbito relativo a Cooperación para o Desenvolvemento, entre outros aspectos. Por exemplo, esta nova esratexia servirá para poder afrontar con maior éxito os desafíos da pandemia actual ou a asunción dos fondos comunitarios. Como sinalou Jesús Gamallo “buscar oportunidades de desenvolvemento fóra das nosas fronteiras non é xa unha alternativa, senón unha necesidade ineludible”.
CONSELLO
O CAEX foi creado pola Xunta en 2010 como órgano consultivo da administración autonómica para orientar as liñas xerais da acción exterior de Galicia. Incorpora tanto a representantes das administracións públicas como da sociedade civil.