Nova Estratexia galega de Acción Exterior 2023-2027
O Consello de Acción Exterior de Galicia (CAEX) por unanimidade, informou favorablemente o texto da nova Estratexia de Acción Exterior de Galicia (EGAEX) para o período 2023-2027.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, presidiu hoxe a reunión do Consello de Acción Exterior (CAEX), no que se debateu a nova Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX). Esta Estratexia deriva da Lei 10/2021 do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia.
Ademais de membros representantes da Xunta de Galicia, forman parte do CAEX o Consello da Cultura Galega, a FEGAMP, os representantes dos empresarios, das organizacións sindicais e das universidades, así como das ONGDs.
A andaina do CAEX en relación coa nova EGAEX iniciouse xa durante a pandemia, nunha sesión extraordinaria celebrada o pasado decembro, na que os seus integrantes xa avanzaron propostas e ideas que serviron de base ao documento hoxe debatido.
Esta EGAEX 2023-2027 será o instrumento que terá Galicia en aplicación da nova Lei de Acción Exterior de 2021 para proxectar a súa presencia no exterior. Ocúpase como eixos fundamentais de Portugal e dos países da lusofonía, da UE, Iberoamérica e do ámbito relativo a cooperación para o desenvolvemento. Ademais, servirá para poder afrontar con maior resiliencia e éxito os desafíos da era postcovid e a axeitada asunción dos fondos europeos, así como para mellorar a atracción de talento foráneo para contribuír ao desenrolo de sectores clave da economía galega.
Para a elaboración do borrador da EGAEX 2023-2027 tamén se tiveron en conta todos os documentos estratéxicos da Xunta de con incidencia no exterior. Deste xeito, búscase incrementar a eficiencia da proxección galega cara fóra e presentar unha nova imaxe de país para investidores, emprendedores e creadores.
Galicia proporá unha política de incentivos inspirada en modelos de éxito dentro do marco europeo, considerando o entorno mundial e europeo, nomeadamente condicionado pola situación postcovid e pola invasión rusa da Ucraína.
Como punto de partida, cómpre destacar que a comunidade galega triplicou as súas exportacións anuais e xa superou o as cifras turísticas prepandemia, o que permitirá afrontar con mellores perspectivas o futuro inmediato, xerando máis investimento e emprego no sector.
O CONSELLO DE ACCIÓN EXTERIOR (CAEX)
O CAEX foi creado pola Xunta de Galicia en 2010, como órgano consultivo da Administración autonómica para orientar as liñas xerais da acción exterior de Galicia. Incorpora tanto a representantes das administracións públicas como da sociedade civil.