"Ninguén cincelaba nin repuxaba como el"

O ourive Julio Lado, derradeiro expoñente dunha saga familiar con forte enraizamento en Compostela desde o século XIX.

A Casa do Cabido, na compostelá praza das Praterías, acolle a exposición “Lado, unha saga de ourives composteláns”. Esta mañá inaugurábaa o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo. Ao acto asistiron as comisarias, Chus Iglesias Prado -ourive- e María Gómez García -licenciada en Belas Artes, restauradora e profesora de xoiaría na Escola Mestre Mateo-; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; o responsable de Exposicións do organismo, Juan Conde; e o ourive Julio Lado Martínez, a quen se lle dedica a mostra como derradeiro e máximo expoñente dunha saga familiar dedicada á ourivaría con forte enraizamento en Compostela desde o século XIX.

Julio Lado é a cuarta xeración desta familia numerosa de ourives. A mostra reúne unha selección de pezas realizadas por el ao longo da súa vida, “pezas dun elevado valor porque ninguén cincelaba nin repuxaba como el, é un auténtico mestre” -salientan as comisarias-. Tamén se amosan os debuxos orixinais das obras, o que permite coñecer como foi o proceso de traballo. Ademais, recreouse unha pequena parte dun taller cun tabliz -banco de traballo- con ferramentas tradicionais moi antigas, algunhas delas xa non existen e moitas ideadas pola propia familia. O público poderá participar no proceso de realización dunha ou varias pezas mentres o ourive Julio Lado modela os motivos decorativos na prata con técnicas centenarias en perigo de desaparición como o cincelado e o repuxado.

Na súa intervención, o orfebre manifestou o seu desexo de que “isto sirva para que a ourivaría siga para sempre, que se valore o traballo artesanal, feito a man. En Santiago houbo ourives toda a vida e non pode desaparecer porque, ademais da fabricación das pezas, tamén é moi importante a restauración”. Nesta liña, o alcalde da cidade salientou que “moitas familias, ao longo de moitas xeracións, foron mantivendo en Santiago esta profesión centenaria, que agora ve perigar a súa continuidade por falta de relevo xeracional, polo que cómpre por en valor a actividade artesanal”.

A familia Lado

A saga de ourives composteláns Lado iniciouse no último terzo do século XIX, cando Andrés Lado Puente funda a casa. O seu fillo, Andrés Lado Pensado, realiza unha bandexa coa que obtén a Medalla de Ouro da Exposición Rexional Galega celebrada en Santiago en 1909 e inaugurada polo rei Afonso XIII.

Julio Lado Martínez nace en Compostela en 1937. É o oitavo de dez irmáns, sete dos cales continúan no taller familiar a saga iniciada polo bisavó na rúa Rapa da Folla. Cando tiña 15 anos morre o seu pai e empeza a traballar no taller, trasladado polo avó ao número 40 da rúa do Vilar, no que se forma co seu irmán Ángel, Premio Nacional de Ourivaría en 1964.

O cincelado converteuse no sinal de identidade de Julio e Ángel. Recibían encargos de obxectos relixiosos da Igrexa, que traballaban artesanalmente. En menor medida realizaban pezas de carácter civil, debido a que o público decantábase polas de fábrica, feito que ameazaba a continuidade dos talleres dedicados á ourivaría artesanal da cidade. Os motivos iconográficos máis representativos na súa obra eran os referentes a Compostela.

Entre os 15 e os 21 anos Julio compaxina a formación práctica co seu irmán no taller e a formación regrada na Escola de Artes e Oficios, a actual Mestre Mateo. En 1982 é galardoado co primeiro premio de destreza en ourivaría en prata pola realización do escudo de Galicia. En 2016 chégalle o máximo recoñecemento galego para un artesán: o Premio Artesanía de Galicia á Traxectoria. Desde o ano 2020 é restaurador da Universidade de Santiago.

En 2011, tras case século e medio de traballo, pechan a xoiería e o taller por xubilación, aínda que Julio, con 84 anos recén cumpridos, 70 deles dedicados ao oficio, continúa en activo, nunca deixou de crear.

Horarios da exposición

A exposición poderá visitarse na Casa do Cabido de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns pecha ao público.