O académico numerario da Sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación da RAGC José Rivas Rey

"A nanotecnoloxía enfócase na aplicación do coñecemento para a creación de materiais, máquinas e dispositivos que transformarán a nosa forma de vivir e traballar”

Na súa intervención explicou que “a nanociencia e a nanotecnoloxía constitúen disciplinas científicas que investigan e manipulan a materia a unha escala extremadamente diminuta: a escala nanométrica, que é mil millóns de veces máis pequena que un metro. Nesta escala, as propiedades da materia difiren de maneira significativa con respecto ás súas contrapartes a unha escala maior, ofrecendo así a oportunidade de deseñar e controlar materiais con propiedades únicas e revolucionarias”.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou esta tarde o acto de apertura do seu curso académico 2024, no compostelán Pazo de San Roque. Ao evento asistiu o presidente da institución, Juan Lema, e o resto do equipo de goberno da Academia, outras académicas e académicos e diversas autoridades como o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a directora da Axencia Galega de Innovación -Gain-, Patricia Argerey; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a primeira tenente de alcaldesa, María Rozas; a vicerreitora de Política Científica da Universidade de Santiago, Pilar Bermejo; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; entre outros representantes de institucións políticas, culturais e académicas galegas.
 

Juan Lema agradeceu a todas as entidades que cada ano colaboran coa Academia e fan posible o desenvolvemento dun gran número de actividades vencelladas á divulgación científica. En particular, salientou o apoio prestado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades; a Axencia Galega de Innovación; as Deputacións de Pontevedra, Lugo e A Coruña; a Universidade de Santiago, o Consello da Cultura Galega e a Fundación Barrié.

José Rivas Rey: “A escala nanométrica permite deseñar materiais con propiedades únicas e revolucionarias”

No transcurso do acto, o académico numerario da Sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación da RAGC José Rivas Rey (A Pontenova-Lugo, 1947) impartiu unha lección maxistral baixo o título “Nanotecnoloxía: o mundo máis aló dos límites microscópicos”, salientando que a nanociencia e a nanotecnoloxía abren novas oportunidades na ciencia e tecnoloxía do século XXI.

 

Na súa intervención explicou que “a nanociencia e a nanotecnoloxía constitúen disciplinas científicas que investigan e manipulan a materia a unha escala extremadamente diminuta: a escala nanométrica, que é mil millóns de veces máis pequena que un metro. Nesta escala, as propiedades da materia difiren de maneira significativa con respecto ás súas contrapartes a unha escala maior, ofrecendo así a oportunidade de deseñar e controlar materiais con propiedades únicas e revolucionarias”.

 

No seu discurso, o investigador da USC examinou o desenvolvemento e progreso da nanociencia e da nanotecnoloxía desde os seus inicios ata a actualidade, centrando a atención na manipulación e comprensión da materia a nivel molecular. “A nanociencia sitúase na intersección da ciencia convencional, a enxeñaría, a mecánica cúantica e os procesos fundamentais da vida. Pola súa parte, a nanotecnoloxía enfócase na aplicación deste coñecemento para a creación de materiais, máquinas e dispositivos que transformarán a nosa forma de vivir e traballar” -incidiu-.

O académico amosou exemplos do desenvolvemento neste campo de materiais intelixentes, sensores, aplicacións biolóxicas e biomédicas, así como tecnoloxías electrónicas avanzadas. Ademais, fixo referencia a aplicacións empresariais destacadas onde se evidencia a relación da nanotecnoloxía coa sociedade.

 

“Non obstante e a pesar dos notables avances logrados, a nanociencia e a nanotecnoloxía presentan desafíos éticos e preocupacións sobre o seu impacto na saúde humana e no medio ambiente. Por iso, é fundamental non esquecer estes aspectos mentres exploramos as amplas posibilidades que estas disciplinas ofrecen para transformar o noso mundo de maneiras inimaxinables. Nesta emocionante viaxe cara ao infinitesimal, a nanociencia e a nanotecnoloxía perfílanse como ferramentas fundamentais para impulsar a innovación e dar forma ao futuro da tecnoloxía e da ciencia” -manifestou José Rivas Rey-.