A mocidade, “a mellor embaixadora dos valores do Camiño”
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou hoxe o papel da mocidade como “a mellor embaixadora dos valores do Camiño” e gabou o seu compromiso por mellorar a sociedade.
Así o remarcou na súa intervención no acto da recepción do enviado especial do papa Francisco, o cardenal Antonio Augusto dos Santos Martos, á Peregrinación Europa da Mocidade, encontro que desde o pasado mércores reúne en Santiago 12.000 mozos e mozas procedentes de diferentes países europeos.
O titular do Executivo gabou o espírito da xeración moza por ser a que “menos cre nas barreiras –físicas ou mentais; políticas ou culturais—“ e puxo en valor que o Camiño sexa “o seu gran espello”. Ademais, considerou que co seu compromiso están a “desmentir esa idea de que existe unha mocidade apática e que se desatende de todo”. Pola contra, considerou que a xuventude actual “dá testemuño de que queren mellorar” a sociedade.
Na súa intervención, celebrou que se recuperase a Peregrinación Europea da Mocidade neste excepcional dobre Ano Santo 2021-2022, do que destacou que, a estas alturas do ano, alcanzou as 230.000 compostelas, certificado que se lle outorga a aqueles peregrinos chegados a Compostela que acrediten ter realizado alomenos 100 quilómetros dalgunha das rutas xacobeas.
Precisamente, defendeu que a peregrinación á Compostela é un “ben común” no que todas as institucións deben fomentar e conseguir que “participe canto máis xente”, á vez que incidiu en iniciativas, como a Peregrinación Europea da Mocidade, para “mantelo vivo” como Patrimonio da Humanidade. Neste senso, agradeceu o papel do arcebispo de Santiago, Julián Barrio, quen precisamente foi galardoado coa Medalla de Galicia 2022 en recoñecemento o seu labor.