Os mellores videoxogos creados por xente nova
A Xunta de Galicia deu a coñecer hoxe aos gañadores do premio Xuventude Crea deste ano na categoría de videoxogos, cuxa fase final tivo lugar en Expotaku (Expocoruña) e que contou coa asistencia da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. O primeiro clasificado foi para a creación ‘Umbra’ do equipo formado polas seguintes mozas e mozos da Coruña: Elena Figueiro Díaz, Claudia Mérens Nóvoa, Javier Díaz Jara, Pedro Lojo Abelleira, Rita Cid Rivas, Vanessa Parente González e Soraya Antelo Morales.
Co segundo premio fíxose o equipo formado por Marta Sánchez Vázquez (Arteixo) e Noemi Seoane Touciño (Cambre), creadoras do videoxogo ‘Regreso dos Titáns’. Os terceiros clasificados foron os coruñeses Jesús Caiero Aguado, Diego Carracedo Lamas e Lucía Rodríguez Vaquero, co videoxogo ‘Eclipse’. Ademais, o xurado outorgou unha mención de honra a Ángel Formoso Caamaño por ‘O fado dos aparatos’.
Os primeiros clasificados recibirán un premio en metálico de 3.000 euros; os segundos de 1.500 euros e os terceiros de 1.000 euros. Durante estes días, o Goberno galego está dando a coñecer as obras gañadoras en 14 disciplinas distintas. Trátase dun proxecto que ten como finalidade recoñecer o talento da mocidade galega e fomentar o seu espírito creativo.