Medio Rural destina 1,8 millóns de euros a financiar o coidado de plantacións forestais subvencionadas nos últimos anos
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha Orde da Consellería do Medio Rural pola que se publican as bases e a convocatoria para 2020 das primas de mantemento das forestacións. Estas achegas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia, e están dotadas cun orzamento total de 1,8 millóns de euros para o período 2020-2022.
Os beneficiarios destas primas serán unicamente os titulares de plantacións forestais con subvencións xestionadas pola Xunta antes do 31 de decembro de 2019 ao abeiro das ordes de axudas para a reforestación e a creación de superficies forestais correspondentes aos anos 2016, 2017 e 2018, e que soliciten as achegas previstas nesta orde.
Estas primas teñen como finalidade contribuír ao coidado, mantemento e demais traballos forestais posteriores á plantación, financiando os traballos mediante unha prima de mantemento anual nos primeiros anos de existencia das plantacións realizadas.
As accións previstas financiaranse cun importe total de 1,8 millóns de euros, a razón de 600.000 euros anuais en 2020, 2021 e 2022. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Enlace á convocatoria no DOG.