Medallas de Galicia para Julián Barrio, Paolo Caucci von Saucken, Begoña Valdomar, José Carro Otero e a Asociación Discamino

Medalla de Galicia 2019 a Javier García. ARQUIVO.
O Consello da Xunta aprobou o decreto polo que se lle concede a Medalla de Galicia, na súa categoría de ouro, ao arzobispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio Barrio; ao profesor e estudoso da ruta xacobea Paolo Caucci von Saucken; á hospitaleira do albergue de peregrinos de Fisterra, Begoña Valdomar Insua; á Asociación Discamino e, a título póstumo, ao primeiro comisario do Xacobeo en 1993, José Carro Otero. 

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello da Xunta aprobou o decreto polo que se lle concede a Medalla de Galicia, na súa categoría de ouro, ao arzobispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio Barrio; ao profesor e estudoso da ruta xacobea Paolo Caucci von Saucken; á hospitaleira do albergue de peregrinos de Fisterra, Begoña Valdomar Insua; á Asociación Discamino e, a título póstumo, ao primeiro comisario do Xacobeo en 1993, José Carro Otero. “As Medallas de Galicia son un premio dos galegos para os galegos”, sinalou Rueda, quen explicou que, con motivo do dobre Ano Santo extraordinario, nesta edición vaise distinguir a persoas e entidades “cunha relación directa co Camiño de Santiago”.

A Medalla de Galicia é a máxima distinción de honra que outorga anualmente a Xunta de Galicia ás persoas ou institucións polos seus méritos ao servizo da nosa comunidade en calquera aspecto da realidade social, cultural e económico e dignos de obter o recoñecemento do pobo galego. Nesta ocasión, todos os distinguidos están vinculados á promoción e preservación do Camiño de Santigo, “o principal motor do rexurdimento do turismo en Galicia, pero tamén ‘marca Galicia’ en moitos sentidos”, sinalou o presidente da Xunta.

Rueda explicou que o arzobispo da Arquidiocese de Santiago de Compostela, Julián Barrio, recibe a Medalla de Galicia pola súa contribución ao coñecemento e impulso da peregrinación á Catedral de Santiago. Nado en Manganeses de la Polvorosa (Zamora) en 1946, foi reitor do Seminario Maior de Astorga, profesor de Historia Eclesiástica e Historia de España e é o arzobispo de Compostela desde 1996.

Ademáis, a Xunta tamén recoñece este ano o labor do profesor da Universidad de Perugia Paolo Caucci von Saucken, un dos estudosos sobre a ruta xacobea máis recoñecidos a nivel mundial e que foi, durante case vinte anos, presidente do Comité de Expertos del Camino de Santiago. Nado na localidade italiana de Ascoli Piceno en 1941  é autor de numerosos ensaios e libros sobre as peregrinacións e a ruta xacobea.

Outra das galardoadas este ano coa Medalla de Galicia é a peregrina e hospitaleira do albergue municipal de peregrinos de Fisterra, Begoña Valdomar Insua. Nada nesta localidade coruñesa, ademais de estar ao fronte do centro de acollida a peregrinos de Fisterra é a responsable de Hospitalidade na Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago. “Ela representa o traballo que de forma desinteresada realizan milleiros de homes e mulleres que atenden os albergues espallados por todo o Camiño”, explicou Rueda.

A Xunta tamén distingue este ano á Asociación Discamino que recibirá esta distinción polo seu labor diario para facilitar que as persoas con discapacidade poidan peregrinar á Compostela e desfrutar da experiencia da ruta xacobea. Creada en 2009, esta entidade xurde co obxectivo de dar apoio a aquelas persoas con diversidade funcional que queiran realizar o Camiño de Santiago. “Fan realidade o camiño accesible grazas ao seu esforzo e planificación”, resaltou Rueda.

E por último, a Xunta concede este ano a título póstumo a Medalla de Galicia ao doutor e antropólogo compostelán José Carro Otero. Carro, que foi presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, estivo sempre moi vencellado ao Camiño de Santiago. Foi o primeiro comisario do Xacobeo no 1993 e era un experto de referencia sobre a Catedral de Santiago.

As Medallas de Galicia, que se entregarán o vindeiro 25 de xullo, recoñecen nesta edición a difusión do Camiño tras dous anos consecutivos no que esta distinción foi para os profesionais sanitarios vinculados a atención na pandemia. No 2020, a Medalla recoñeceu aos sanitarios que traballaron na atención a pacientes Covid e no 2021, se lle concedeu aos traballadores vinculados á vacinación Covid.