O matemático Eduardo García Río ingresa na Real Academia Galega de Ciencias destacando que a evolución de certos problemas de saúde está moi relacionada coa curvatura e a simetría presentes no noso organismo

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou hoxe no compostelán Pazo de San Roque o acto de ingreso de Eduardo García Río (San Salvador de Abeancos – Melide, 1965), catedrático de Xeometría e Topoloxía da Universidade de Santiago, como académico numerario da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación da institución. O investigador pronunciou o seu discurso de ingreso, titulado “Curvatura e simetría”, que foi contestado en nome da RAGC polo académico Juan José Nieto Roig, catedrático de Análise Matemática da USC.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou hoxe no compostelán Pazo de San Roque o acto de ingreso de Eduardo García Río (San Salvador de Abeancos – Melide, 1965), catedrático de Xeometría e Topoloxía da Universidade de Santiago, como académico numerario da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación da institución. O investigador pronunciou o seu discurso de ingreso, titulado “Curvatura e simetría”, que foi contestado en nome da RAGC polo académico Juan José Nieto Roig, catedrático de Análise Matemática da USC.

O presidente da RAGC, Juan Lema, abriu o acto, ao que asistiron outros académicos, así como a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria, Irene Bonome; o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; a valedora da Comunidade Universitaria da UDC, Ana Dorotea Tarrío; a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo; o presidente da CiUG, Iván Area; a vicepresidenta primeira da Real Sociedad Matemática Española, Victoria Otero; o presidente da Área de Matemáticas da Agencia Estatal de Investigación, Eduardo Liz; a directora do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia -CITMAga-, Rosa Crujeiras; e o comandante director da Escola Naval de Marín, Pedro Cardona; xunto a diversos representantes de institucións políticas, culturais e académicas galegas.

O presidente deulle a benvida ao novo académico, do que salientou que “será un brillante continuador da saga de ilustres xeómetras que lle predeceron na sección de Matemáticas da RAGC, entre eles un dos fundadores da nosa Academia e o seu primeiro presidente, Enrique Vidal Abascal, así como o profesor Luis Cordero”.

A importancia da curvatura nas actividades humanas

No seu discurso, Eduardo García puxo de relevo que “as matemáticas están nun continuo proceso de construción e desenvolvemento. Moitos dos avances tecnolóxicos máis recentes non serían posibles sen o seu correspondente fundamento matemático e, aínda que non sexamos conscientes, as matemáticas están permanentemente presentes na nosa vida cotiá”. O novo académico destacou en particular a importancia no noso día a día da curvatura e a simetría, obxectivos centrais das súas investigacións.

Eduardo García sinalou que “a curvatura aparece e ten influencia en moitas actividades humanas, así como na propia natureza. As superficies curvas son especialmente relevantes en arquitectura e enxeñaría, onde se empregan para engadir forza ás estruturas de construción. Nas cubertas dos aeroportos ou dos estadios deportivos, grazas á súa curvatura, é posible cubrir unha gran cantidade de área cun espesor mínimo de material que permita alixeirar o peso da cuberta”.

“As superficies curvas atópanse en todos os tecidos biolóxicos. Por exemplo, proporcionan a maior superficie necesaria para a absorción de nutrientes no intestino ou para o intercambio de gases nos pulmóns. Hai evidencias crecentes de que as células son capaces de detectar se están en ambientes planos ou curvos, de xeito que a curvatura pode influír en moitos procesos, como o movemento celular, o desenvolvemento de células nai e mesmo na progresión de enfermidades” -asegurou o experto-.

A simetría, esencial para a prevención, diagnose e tratamento de enfermidades

En relación á simetría, o catedrático salientou que está presente en todas as obras artísticas e na natureza, onde aparece na distribución das partes do corpo dos distintos organismos. “A simetría desempeña un papel esencial en moitos procesos. Así, a prevención, diagnose e tratamento de enfermidades vén da man da análise de imaxes médicas. O uso de tecnoloxías non invasivas de diagnóstico como a tomografía computarizada ou as imaxes por resonancia magnética require algoritmos adecuados para a análise dos datos e imaxes obtidos. Esta análise precisa de ferramentas que permitan determinar a xeometría de distintas rexións anatómicas. Estudos recentes suxiren que a evolución de diversos problemas de saúde (deficiencias estruturais nun órgano, tumores ou outras anomalías) está moi relacionada coa curvatura dos órganos, polo que o seu estudo está claramente relacionado con problemas de optimización baixo condicións de simetría” -manifestou-.

O novo académico referiuse tamén aos problemas variacionais, que son aqueles onde se trata de obter as formas óptimas para distintos obxectos. “O problema de minimización de distancias sobre superficies é fundamental en topografía e xeodesia, ao tratar de localizar o camiño máis curto ente dous puntos dunha superficie dada. Esta cuestión aparentemente matemática ten importantes aplicacións na vida real, como o deseño de edificios sostibles. Nesta liña, os iglúes presentan un deseño baseado nunha forma de cúpula esférica, o que minimiza a superficie de exposición ao frío e ao vento, polo que a súa estrutura traballa a favor de mellorar a súa sustentabilidade. As construcións con forma de cúpula xeodésica téñense utilizado para numerosos propósitos, desde invernadoiros ata pavillóns de exposicións, posto que xeran os espazos interiores máis amplos para unha determinada superficie” -remarcou-.

Juan José Nieto, académico: “A súa incorporación como xeómetra daranos unha nova visión”

 

O académico Juan José Nieto Roig, catedrático de Análise Matemática da USC, respondeu á disertación do novo membro da RAGC. Destacou as súas estadías na Universidade de Kioto e noutras universidades e prestixiosos centros internacionais en Bélxica, Alemaña, Italia, Turquía, Estados Unidos ou Xapón, entre outros. Tamén puxo de relevo que conta con máis de 130 publicacións, tratándose dun científico altamente citado, e que ten participado en numerosos proxectos da Axencia Estatal de Investigación, sendo na actualidade coordinador da Red Española de Análisis Geométrico e membro do comité editorial de reputadas revistas como Differential Geometry ou do Journal of Geometric Analysis.

Manifestou que “a súa incorporación como xeómetra vai ser frutífera. Daranos unha nosa visión e achegará novas ideas, que incrementarán un dos principais obxectivos da RAGC, promovendo a ciencia e a tecnoloxía na sociedade”.