Mascareñas ingresa como académico numerario da RAGC
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrará mañá mércores, 14 de decembro, o acto de ingreso de José Luis Mascareñas Cid (Allariz, 1961), catedrático de Química Orgánica da Universidade de Santiago (USC), como académico numerario da Sección de Química e Xeoloxía da institución. Será no compostelán Pazo de San Roque, ás 19:00 horas. O investigador pronunciará o seu discurso de ingreso, titulado “Ciencia, Catálise e Vida”, que será contestado en nome da RAGC polo académico Franco Fernández González.
O presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio, abrirá o acto, ao que asistirán outros académicos, así como a subdirectora xeral de Promoción Científica, Mª Jesús Tallón; Iria Carreira, do Grupo Parlamentario do BNG; o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; o vicerreitor de Política Científica da USC, Vicente Pérez Muñuzuri; o presidente da Real Academia de Farmacia de Galicia, Ángel Concheiro; e a alcaldesa do Concello de Allariz, Cristina Cid; xunto a diversos representantes de institucións políticas, culturais e académicas galegas.
Mascareñas desenvolveu parte do seu labor de investigación nas universidades de Harvard e Cambridge e no Instituto Tecnolóxico de Massachusetts
José Luis Mascareñas Cid doutorouse na Universidade de Santiago de Compostela en 1988. Tras a súa etapa posdoutoral na Universidade de Stanford, en 1993 pasou a ser profesor titular da USC. É catedrático de Química Orgánica da Facultade de Química da USC desde 2005; e director científico do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago desde 2014.
Foi científico visitante nas Universidades de Harvard e Cambridge e no Instituto Tecnolóxico de Massachusetts. En 2009 recibiu o premio de Química Orgánica da Real Sociedad Española de Química (RSEQ) e, posteriormente, foi distinguido coa súa Medalla de Ouro. En 2014 recibiu a Medalla de Ouro da Universidade de Santiago e en 2019 a Medalla de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias. É membro da Academia Europea das Ciencias, fundador e primeiro presidente do Grupo de Bioloxía Química da RSEQ e, desde 2021, vicepresidente deste organismo. Ademais, é membro da Real Academia Galega de Farmacia.
Ten dirixido máis de 40 teses de doutoramento, publicado máis de 215 artigos en revistas especializadas e redactado 23 solicitudes de patentes. Os seus intereses de investigación actuais divídense entre un programa de síntese centrado no desenvolvemento de novos procesos catalizados por metais, e un programa de bioorgánica orientado ao desenvolvemento de ferramentas sintéticas capaces de actuar a nivel biolóxico.