María Victoria Carvalho-Calero, Premio Trasalba 2021
O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou hoxe en Ourense na entrega do Premio Trasalba 2021 da Fundación Otero Pedrayo que este ano recaeu en María Victoria Carvalho-Calero, profesora e catedrática de Arte da Universidade de Vigo, filla do homenaxeado no Día das Letras Galegas do pasado e académica da Real Academia de Belas Artes de Galicia. A Fundación Otero Pedrayo -impulsora deste premio co apoio do Goberno galego- suma un novo nome á lista que integran nomes tan destacados como Manuel Buciños, galardoado na edición de 2020; Luz Pozo Garza, Agustín Fernández Paz, Antón Pulido ou Xosé Neira Vilas, entre outros.
O representante da Xunta de Galicia felicitou á galardoada deste ano polo recoñecemento e polo bo traballo feito ao longo de toda a súa traxectoria, especialmente no eido da arte contemporánea e da arquitectura, e agradeceu o labor que fai a Fundación Otero Pedrayo para favorecer á divulgación da cultura galega e manter viva a memoria e a promoción da obra de Ramón Otero Pedrayo a través de iniciativas como o Premio Trasalba, que este ano celebra a súa trixésimo oitava edición.