Máis dun centenar de universitarios galegos do exterior iniciaron xa o proceso de solicitude dunha bolsa BEME Máster

Esta nova liña de axudas da Secretaría Xeral da Emigración, que ten coma obxectivo que os expediente de alta cualificación poidan cursar un mestrado nunha das tres universidades galegas, estará aberta ata o 30 de abril.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, destacou que xa son máis dun centenar os universitarios galegos do exterior que iniciaron a tramitación dunha bolsa de excelencia mocidade exterior (BEME Máster), cuxa quinta edición supón un novo incremento no número de prazas dispoñibles, pasando das 150 do ano pasado ás 200 para o próximo curso, de cara a paliar as dificultades causadas pola pandemia da Covid-19.

O Goberno galego destina 1,72 millóns de euros impulsando a captación dun total de 200 titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto, que poderán cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas.

Os interesados puideron comezar a solicitar estas bolsas o pasado 3 de febreiro e o prazo remata o 30 de abril. Os beneficiarios deben ser galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, acreditar un mínimo de dous anos de residencia no Exterior e estar admitido na prescrición dalgún dos mestrados das universidades galegas.

A Xunta impulsa así o retorno de currículos brillantes ao tempo que contribúe á fixación de poboación na Galicia territorial, pasando das 150 bolsas do pasado curso ás 200 para o 2021/22, co fin de axudar no regreso de máis mozas e mozos a Galicia polas dificultades que poidan existir no exterior a consecuencia da Covid-19.

A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. Aqueles que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun orzamento total de ata 11.475 euros (en función do continente de procedencia do alumno).
O obxectivo das BEME é non so atraer cada ano galegos que viven fóra e que completen aquí a súa formación especializada senón que traballen en Galicia e que fixen tamén no territorio galego definitivamente a súa residencia.

Neste sentido, todos os beneficiarios destas axudas contarán, un ano máis, cunha orientación laboral coa que se pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre os mozas residentes fóra fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na comunidade. A oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.
Para máis información: https://emigracion.xunta.gal/bolsas-excelencia-mocidade-exterior-2021