Letras Galegas 2022, máis de 150 iniciativas
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación da programación das Letras Galegas 2022.Trátase dun amplo abano con máis de 150 actividades dedicado á figura do poeta, tradutor, editor, escritor e activista Florencio Delgado Gurriarán impulsado pola Xunta de Galicia, a Real Academia Galega e o Consello de Cultura Galega en colaboración con múltiples empresas, entidades, administracións locais.
As actividades, nas que están implicadas a CRTVG, a comarca de Valdeorras ou a Deputación de Ourense irán dirixidas a renderlle tributo, dar a coñecer e poñer en valor a vida, a figura e a obra do autor de Valdeorras. Están pensadas para toda a cidadanía e desenvolveranse ao longo de todo o ano, con especial atención ao propio Día das Letras Galegas, o 17 de maio.
Durante a presentación da programación, que tivo lugar na Cidade da Cultura, Román Rodríguez gabou a elección da RAG ao escoller a Delgado Gurriarán como homenaxeado, pois “xogou un papel esencial na divulgación da nosa lingua e a nosa cultura ao longo do século XX” ao tempo que “desenvolveu un fondo compromiso político e democrático nunha época convulsa”. “Foi un home irrepetible que dedicou a súa vida á nosa terra e ás nosas letras e que hoxe poñemos en valor con esta programación que chegará a toda Galicia”.
O conselleiro tamén destacou a “ampla programación conxunta con máis de 150 iniciativas en Galicia e no exterior que, como cada ano, irán medrando nas próximas semanas e meses” e que se desenvolverán desde a Xunta de Galicia coa colaboración de “diferentes axentes culturais e institucións”.
Na rolda de prensa participaron, ademais, o director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias; o académica da Real Academia Galega, Marilar Aleixandre; a presidente do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez Barreiro; o alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, e o sobriño e biógrafo do homenaxeado, Ricardo Gurriarán.
EXPOSICIÓN, LECTURAS E CONCURSOS
A programación das Letras Galegas 2022 incluirá proxectos expositivos como Florencio Delgado Gurriarán. Bebedeira de Ensoños, promovido pola Xunta en colaboración coa editorial Galaxia, ou Compromiso na distancia, que percorrerá 10 localidades galegas entre maio e decembro. Son dúas mostras ás que se suman outras moitas como as gañadoras do Concurso-exposición Letras Galegas ou as mostras que acollerán os centros da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
Outro dos aspectos que caracteriza cada ano a celebración desta efeméride é o seu carácter participativo. Para iso, impulsaranse accións nas que buscar a implicación de toda a sociedade, como lecturas públicas, concursos de podcast ou a tradicional Carreira das Letras.
Neste senso, haberá espectáculos tales como o teatro de obxectos Tras os vieiros de Florencio, da man da compañía Fantoches Baj; actuacións musicais, como a 40º edición do festival Festiletras, en colaboración coa Fundación Eduardo Pondal; obradoiros nas bibliotecas públicas, como Versos, cores e colaxes, impartido por María Lires; contacontos, como O garoto de Ipanema, a cargo de Caxoto, ou especiais na CRTVG que, entre outros programas, emitirá durante todo o mes de maio as micropezas Polos vieiros de Florencio.
VALDEORRAS
Xa desde o punto de vista educativo, “porase en marcha unha iniciativa innovadora en colaboración cos concellos da comarca de Valdeorras”, anunciou o conselleiro. En concreto, desenvolveranse rutas educativas pola comarca para dar a coñecer os principais puntos de interese artístico, histórico, social e cultural do lugar. No eido educativo tamén se manterá o traballo dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros de ensino, cuxos recursos máis destacados poderán consultarse no Portal da Lingua Galega.
Pola súa banda, no ámbito académico, manteranse citas habituais como o simposio organizado pola Xunta e a RAG, centrado na personalidade e na obra literaria do autor.
Por último, o responsable de Cultura e Educación, resaltou o “papel fundamental que terá a programación das Letras Galegas no exterior, dado o enorme labor que desenvolveu o homenaxeado á hora de promover a lingua e cultura galega desde o exilio”, de xeito que pode considerarse “un símbolo do importantísimo papel que durante anos xogou e aínda segue xogando a colectividade galega no exterior”. Esta programación incluirá desde festivais culturais en Nova York e México ata as actividades promovidas polos Centros de Estudos Galegos repartidos polos diferentes continentes.
A programación completa poderá consultarse tanto na axenda de Cultura de Galicia como no Portal da Lingua Galega.