José González anima aos consellos reguladores a aproveitar as vantaxes da Lei de recuperación e posta en valor da terra a prol da calidade agroalimentaria
O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse cos responsables dos consellos reguladores das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas de Galicia para explicarlles o contido e alcance da futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia. Este encontro de traballo, no que tamén participou o deputado popular Moisés Blanco, forma parte da rolda de contactos que o conselleiro está a manter con diferentes colectivos de sectores económicos e sociais vinculados ao rural, para darlles conta deste proxecto normativo, que ten unha gran importancia para a Xunta.
Nesta liña, José González animou a estas entidades a coñecer e aproveitar as vantaxes que ofrece a norma para camiñar cara a excelencia das producións agroalimentarias de calidade. Destacou ademais que a futura lei, que iniciará proximamente a súa tramitación, favorece entre outras cousas a ampliación da base territorial das explotacións, así como a remuda xeracional no agro, factores que inciden de xeito positivo nesa mellora da calidade.
Así, con respecto á remuda, o titular de Medio Rural destacou especialmente unha das figuras que creará a lei, como é o Banco de Explotacións. Este será un instrumento público de mediación que terá por finalidade facilitar a posta en contacto entre titulares de explotacións que abandonan a actividade e persoas interesadas na súa incorporación. O obxectivo é garantir a continuidade das explotacións e así loitar contra o seu abandono e o das terras que as conforman.
MARCO NORMATIVO
Así mesmo, José González trasladou que esta norma xorde como resultado das conclusións do Ditame da comisión parlamentaria forestal tras os lumes de 2017 e recolle 22 das súas recomendacións. Así, completa e desenvolve o marco normativo actual, culminando un camiño iniciado pola Lei de Mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga). Este texto legal sinalaba na súa exposición de motivos que Galicia se dotaría con iniciativas futuras dun conxunto de normas para constituír un corpo xurídico coherente e eficaz cara á contribución do espazo agrario e dos seus sistemas produtivos, co obxectivo de mellorar a calidade de vida do medio rural.
Desta forma, o conselleiro sinalou que, ademais das concentracións parcelarias públicas reguladas na Metaga e que se seguirán decretando, na nova lei apostarase por mecanismos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados en poñer en valor as terras. O obxectivo último das dúas normas -da Metaga e da futura Lei de recuperación- é mellorar a estrutura territorial das explotacións agrogandeiras e forestais galegas, favorecendo a súa rendibilidade e, por extensión, a calidade das súas producións.
LOITA CONTA O ABANDONO
A principal motivación da futura lei é, de feito, loitar contra o abandono e a infrautilización, facilitando base territorial suficiente a aquelas explotacións que a precisan, ao tempo que se procurará anticiparse aos lumes e traballar, en definitiva, pola recuperación demográfica e pola mellora da calidade de vida da poboación no rural, segundo remarcou González.
O conselleiro indicou tamén que esta norma facilitará, entre outros aspectos, o contacto entre os interesados en poñer a producir os predios e os seus propietarios e ademais promoverase a recuperación produtiva das terras agroforestais a través de diversos mecanismos voluntarios baseados nos arrendamentos ou na compra-venda, entre outros. Para todo isto, contémplanse tamén beneficios fiscais e outras medidas de fomento de proxectos de recuperación de terras.
José González sinalou que a norma basearase, fundamentalmente, no uso e potenciación de ferramentas voluntarias coma os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa de aldeas modelo e as permutas de especial interese agrario. Tamén se impulsarán dous instrumentos clave, como son o Banco de Terras, que se axilizará, e o devandito Banco de Explotacións.