Innovadoras bicicletas intelixentes buscan revolucionar o mundo do ciclismo urbano
Primux é unha empresa galega dedicada ao desenvolvemento de tecnoloxía accesible, con máis de quince anos de traxectoria na fabricación de ordenadores, portátiles, tablets, smartphones, cámaras e accesorios informáticos diversos. Con sede no Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole-, vén de asinar un contrato de exclusividade con Urtopia, fabricante asiático de bicicletas eléctricas. A firma galega distribuirá en España e Portugal as súas innovadoras bicicletas intelixentes, que buscan revolucionar o mundo do ciclismo urbano.
O fabricante asiático acaba de introducirse na Península Ibérica para lanzar ao mercado o seu produto estrela, unha nova modalidade de transporte urbano. Trátase das eBikes, bicicletas que empregan tecnoloxía de última xeración, cunha estrutura íntegra de fibra de carbono que facilita o seu uso, xunto a un deseño deportivo e vangardista que lembra ao dos coches futuristas.
“A tecnoloxía é unha das pezas clave destas bicicletas” -sinalan desde Primux-. “Teñen incorporado un cadro con funcións integradas de control por voz, GPS e desbloqueo por pegada dixital para facilitar tanto o seu traxecto como a súa seguridade. Ademais, presentan melloras no eido da conectividade, xa que permiten vincular facilmente un smartphone a través de tarxeta eSIM, bluetooth e wifi; mantendo informado ao ciclista de datos esenciais como a velocidade, a potencia ou a batería restante” -explican-.
Unha bicicleta lixeira, futurista e respectuosa co medio
“Outro dos puntos clave destas bicicletas eléctricas é que están fabricadas integramente con fibra de carbono, aumentando así a súa calidade e resistencia. É o caso da cadea, que presenta unha vida útil moito maior que a dunha cadea metálica. Dispoñen así mesmo dunha batería extraíble de ións de litio de 360 Wh coa que, cunha carga de 2,5 horas, se pode lograr unha autonomía de ata 130 km” -resaltan desde a firma galega-.
As bicicletas intelixentes de Urtopia incorporan o sistema de seguridade ARES (Advanced Rear Early-indication System), no que se inclúen as luces de posición e luces de proxección. Desta maneira, o ciclista está visible en todo momento. A maiores, Urtopia conta cunha aplicación para Android e IOS que ten funcións como seguimento antirrobo, navegación, rexistros de viaxes e redes sociais, entre outras opcións.
“Ademais da súa lixeireza, o seu deseño futurista e a súa moderna tecnoloxía, esta nova modalidade de transporte axuda á conservación do medio ambiente. Así, Urtopia fusionou a innovación coa redución da pegada de carbono para crear as súas eBikes e para cambiar a maneira na que se concibe o transporte convencional” -apuntan desde Primux-.