Os hosteleiros compostelanos queren consensuar co Concello a nova recollida do lixo
Hostaleiros da capital galega reuníronse esta tarde na sede da Asociación Hostelaría Compostela para abordar a problemática do novo servizo de recollida de lixo no Casco Histórico, posto en marcha polo Concello de Santiago.
Todos coincidiron en destacar a importancia da correcta reciclaxe e a boa disposición do sector para conseguilo, así como o ir da man do Concello e Urbaser, polo que a intención da asociación é “seguir tentando negociar co alcalde e a concelleira responsable para conseguir un consenso”, lembrando que para o mesmo martes, día 7, estaba prevista unha reunión con Xosé Sánchez Bugallo que tivo que ser aprazada por motivos de saúde do rexedor.
Nesa reunión, os hostaleiros volverán explicar as razóns que lles levaron a rexeitar a normativa do novo servizo, “xa que resulta inviable para o desenvolvemento do noso traballo”.
Entre os problemas do novo sistema da recolleita porta a porta, “imposto polo Concello e nunca consensuado”, atópase o dos horarios, “xa que complica o noso traballo”, insisten, “e prexudica a experiencia do cliente nos nosos locais”.
“Non podemos estar a servir mesas e barras e sacando á porta o lixo todas as veces que pasa o camión para a recollida do contedor correspondente”, ademais de que a norma, engaden, “non contempla os diferentes horarios que teñen os establecementos, porque o colectivo inclúe a propietarios de restaurantes, bares, cafeterías, pubs, hoteis... todos con necesidades e horarios diferentes”.
Por outra banda, aos hostaleiros tamén lles xera dúbidas o feito de que haxa camións pasando varias veces pola zona vella, con gran afluencia de paseantes, especialmente na tempada alta de turismo, e con servizo de terrazas.
Outro dos problemas son os propios contedores. A norma obriga a ter cinco en cada local (cartón, vidro, envases lixeiros, orgánico e restos) e moitos non teñen espazo para telos. “Non se adaptan ao noso traballo, e mesmo incumpren a normativa sanitaria ao ser cubos de acción manual e non mecánica”.
“Tampouco se considera o volume real de residuos que xeramos”, explican, “e a única solución que parece que expoñen é que os gardemos nós, o que xerará un grave problema de salubridade”.
Tamén botaron de menos “que non houbese unhas probas piloto, xa que a sensación é que se meteu a calzador e que se irá corrixindo aos poucos se non funciona, pero os prexudicados somos nós”.
Para os hostaleiros é importante “que haxa puntos de desafogo de lixo, algo similar ás illas, para que podamos depositar o excedente de lixo, sempre de forma cívica e involucrados nunha reciclaxe real”, e insisten no seu interese e boa disposición para solucionar o problema, “que non só afecta o sector, senón tamén aos veciños da zona e a todos os cidadáns”.