Galiciana, Arquivo Dixital de Galicia, facilitará o acceso a 1,3 millóns de documentos vinculados á Guerra Civil española e a posguerra

A Xunta de Galicia vén de iniciar o proceso que permitirá a dixitalización dos fondos documentais vinculados á Guerra Civil española e a posguerra que están custodiados nos arquivos históricos que xestiona a Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Trátase dunha iniciativa incluída no marco dun proxecto sobre Memoria Dixital de Galicia co que se pretende protexer e divulgar todo este patrimonio documental e arquivístico que custodia Galicia e que levarán progresivamente ata cubrir tamén a Transición Democrática.

Con este fin, contrata o servizo de dixitalización cun investimento de 170.000 euros para identificar estes fondos a fin de dixitalizalos e poñelos a disposición da cidadanía a través de Galiciana, Arquivo Dixital de Galicia, o proxecto impulsado pola Xunta de Galicia que recompila un amplo abano de información desde prensa histórica ata recursos dos arquivos galegos. Actualmente, os arquivos xestionados pola Xunta de Galicia custodian un importante volume de documentos relacionados con esta etapa histórico que se traducen en 1.349.531 rexistros susceptibles de ser dixitalizados.

Do total destas imaxes, abordaranse nesta primeira contratación, como mínimo, un total de 438.264 e que se irán ampliando progresivamente en fases posteriores. Os arquivos históricos nos que se levará a cabo esta primeira parte do proceso son o Arquivo do Reino de Galicia e os arquivos históricos provinciais de Lugo, Ourense e Pontevedra. Formarán parte dos traballos de dixitalización fondos como expedientes de responsabilidades políticas, prisións, do Goberno civil da época ou da Sección Feminina, entre outros. O prazo máximo de execución para cada lote é de cinco meses.

RICO PATRIMONIO

Con esta medida, a Xunta continúa a traballar pola conservación e promoción do patrimonio documental e arquivístico de Galicia, un eido para o que destina este ano máis de 1 millón de euros. Este proxecto pretende identificar os fondos documentais e tamén poñelos a disposición da cidadanía. Dá así resposta ás demandas de información e incentiva tanto a participación como a reflexión cidadá en relación con estes feitos históricos. Empregarase como plataforma de difusión Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia, un instrumento de consulta accesible que verá así incrementado o seu fondo. Nestes momentos, conta xa con 95.990 documentos dixitalizados e un total de 3.058.987 imaxes, o que contribuirá a xerar novos usuarios.

De feito, Galiciana está a ter nos últimos anos un crecente interese e no ano 2020 o número de consultas medrou nun 86% ata acadar os 150.000 usuarios. Este acceso intensificouse especialmente no confinamento, aínda que a tendencia na súa consulta xa fora algo habitual no 2019 e se mantivo despois na segunda metade do pasado ano.

MÁIS CONSULTADOS

Os recursos dixitais máis consultados durante 2020 foron a prensa histórica e o catastro. Así, a publicación máis descargada foi Nova Galicia: Revista Semanal, Órgano dos Gallegos é pr'os Gallegos n'as Amérecas, publicada en Bos Aires, seguida polo primeiro e último número da revista Nós, coincidindo co seu centenario, e tamén ocupa unha posición importante o poemario Aires d'a miña terra de Curros Enríquez.

Respecto das relacionadas co catastro, as máis frecuentes son as que atinxen ao Catastro de Ensenada, fotografías aéreas do Catastro ou Cadernos de Campo do Catastro de Propiedade Urbana de Pontevedra. Así, Galiciana-Arquivo Dixital de Galicia revélase como un instrumento decisivo para facilitar as consultas catastrais, que son tamén moi habituais nos arquivos físicos que seguen prestando este servizo.