Galicia reduciu en 400 M€ a súa débeda no 1º trimestre

Photo Of Businesswoman Analyzing Invoice With Magnifying Glass
Con estes datos, Galicia diminuíu 1,1 puntos o seu endebedamento en relación ao seu PIB, ata o 17,4%, e sitúase, deste xeito, como a terceira comunidade autónoma de réxime común cunha menor ratio débeda/PIB.

Galicia reduciu un 3,4% o seu endebedamento no primeiro trimestre do ano, o que supuxo rebaixar a súa débeda en 401 millóns de euros, segundo o Protocolo de Déficit Excesivo (PDE) correspondentes ao primeiro trimestre do ano publicados hoxe polo Banco de España.

Con estes datos, Galicia diminuíu 1,1 puntos o seu endebedamento en relación ao seu PIB, ata o 17,4%, e sitúase, deste xeito, como a terceira comunidade autónoma de réxime común cunha menor ratio débeda/PIB.

Ademais, a Comunidade galega aumentou no primeiro trimestre do ano o seu diferencial positivo de débeda coa media, ata os 7,7 puntos, xa que o conxunto das CC.AA. teñen unha ratio débeda/PIB do 25,1%. Desta forma, o organismo regulador volve situar á Comunidade Autónoma galega como a terceira de réxime común con menor endebedamento de toda España.

Así mesmo, Galicia pechou o primeiro trimestre de 2022 sendo a 2ª Comunidade Autónoma con menor endebedamento por habitante de España. A débeda por habitante sitúase na comunidade galega nos 4.204 euros, fronte aos 6.568 euros da media de comunidades, co que cada galego debe hoxe 2.341 euros menos que a media autonómica.

Volume de débeda

O Banco de España ratifica ademais que Galicia é a comunidade autónoma con menor aumento de volume de débeda desde o ano 2008, exercicio no que comezou a tendencia ascendente na evolución do endebedamento no conxunto das administracións públicas de España, incluídas as comunidades autónomas.

A redución do endebedamento nos últimos exercicios fai que Galicia estea nunha mellor posición financeira para responder ás esixencias económicas derivadas dos efectos negativos do coronavirus e da alza de prezos.