Galicia pecha marzo coa menor cifra de desemprego neste mes de toda a serie histórica
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, valorou hoxe os datos do paro rexistrado e de afiliacións á Seguridade Social destacando que Galicia pechou marzo coa cifra de desemprego máis baixa de toda a serie histórica (1996) neste mes. Salientou que o paro caeu e as afiliacións creceron tanto na evolución anual como mensual. “Seguimos cunha liña continuada e constante de baixada do paro e de subida das afiliacións”, engadiu.
Con respecto a marzo do pasado ano, o paro diminuíu nun -7,49 % (-11.489 persoas), unha caída que se reflectiu nas catro provincias e nas sete grandes cidades galegas; tamén en todos os sectores económicos, liderando o descenso o primario (-16,10 %), seguido da industria (-12,13 %). Por colectivos prioritarios para a Xunta tamén decreceu, especialmente entre os menores de 30 anos (-11,02 %) seguido das mulleres (-6,86 %) e dos parados de longa duración (-4,70 %). As cifras de parados de menos de 30 anos e de mulleres sen emprego son as menores da serie histórica (2006) para este mes. Ademais, o número de persoas paradas de longa duración é o máis baixo nun marzo desde 2009.
As afiliacións, pola súa banda, continúan a superar a barreira do millón, situándose a cifra (1.043.530) a un nivel superior ao reflectido hai 14 anos; e a contratación indefinida aumentou tamén, nun +7,48 % en Galicia.
En canto á comparativa co mes pasado, o paro tamén diminuíu en Galicia, nun -1,56 % (-2.245). Lorenzana salientou que o desemprego con respecto a febreiro descendeu en todos os sectores económicos, liderando a caída a construción (-2,49 %), seguido da industria (-2,14 %). As afiliacións tamén creceron na comunidade galega, nun 0,74 %, así como a contratación en xeral e nas modalidades indefinida e a tempo completo con respecto a febreiro.
Lorenzana, para rematar, apuntou á importancia de seguir a traballar “na casación de oferta e demanda laboral e na atracción de persoas traballadoras, máis poboación activa, a través do programa Retorna Cualifica Emprego”.