Galicia neutra en emisións no horizonte do ano 2050
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello acordou hoxe abrir o periodo de exposición pública do anteproxecto de Lei do clima de Galicia, unha normativa que busca “darlle rango de legal ao compromiso de que Galicia sexa unha comunidade climaticamente neutra en 2050”, é dicir, “que as emisións queden neutralizadas grazas á capacidade de absorción que podemos ofrecer”.
Para conseguir esta meta, Rueda explicou que se vai traballar para “reducir nun 57% as emisións de efecto invernadoiro ata 2030”, para que as accións vencelladas ao clima “sexan un eixo prioritario en todas as políticas da Xunta” e garantir o equilibrio entre “acadar estes obxectivos e o fortalecemento da actividade económica”.
A través desta norma transformarase nunha obriga vinculante a consecución do reto da neutralidade climática en Galicia. Ademais desta meta principal e precisamente para axudar a lograla, a nova lei galega márcase como obxectivos introducir o clima e as accións necesarias de mitigación —para reducir as fontes de emisión ou potenciar os sumidoiros de GEI— e de adaptación —para mellorar a resiliencia de Galicia e os seus sectores máis relevantes ante o cambio climático— como un eixo prioritario e transversal en todas as políticas sectoriais da Xunta, e tamén o establecemento do deber de protexer, conservar e restaurar o clima por parte tanto das administracións públicas galegas como da sociedade en xeral.
Búscase así unha lei que garanta o respecto aos límites ecolóxicos e que teña entre os seus principios reitores o de non causar un prexuízo ambiental significativo.
Tal e como explicou o presidente, a futura Lei apoiarase en tres instrumentos de planificación para avanzar no cumprimento destas metas: a Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050 e os seus plans de seguimento, aprobada en 2019 e na que se fixou por primeira vez o compromiso dunha Galicia climaticamente neutra; os chamados orzamentos de carbono, instrumentos quinquenais que fixan os límites totais de emisións GEI en Galicia como brúxula e folla de ruta que serva para orientar a acción política; e os plans de acción para o clima e a enerxía sustentable, fixados como obriga para concellos de máis de 20.000 habitantes.
Estruturada en 7 títulos e cun total de 54 artigos, a Lei do clima de Galicia recolle tanto os obxectivos cualitativos como as liñas estratéxicas que se desenvolverán na Comunidade nos vindeiros anos en materia de mitigación e de adaptación ao cambio climático.
Nesta liña, o anteproxecto prevé tanto instrumentos de planificación como unha serie de ferramentas ou iniciativas de diversa índole en que apoiarse para lograr os seus principais obxectivos. Entre as novidades cómpre subliñar a creación dun novo centro de coñecemento adscrito á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que concentre a actividade científica e tecnolóxica na materia.
Así mesmo, para avanzar na gobernanza e na dimensión social das políticas de clima constituirase unha comisión interdepartamental para coordinar a acción das distintas consellerías, crearase un consello asesor de expertos e un portal de acción climática, que servirá como ventá de divulgación e transparencia, e regularase por lei a Alianza polo clima para acadar o compromiso de todos os axentes que operan en Galicia co clima.
Por último e para contribuír tamén á planificación climática, recóllese a necesidade de que os procesos de contratación da Administración galega se rexan polos principios reitores da propia lei e sirvan así como exemplo dunha nova maneira de relacionar a actividade humana co ecosistema en que se leva a cabo, ao tempo que se avoga por un modelo produtivo e de consumo circular baseado no reaproveitamento dos recursos.
PECHAR O CÍRCULO DE SUSTENTABILIDADE
Co impulso á Lei do clima de Galicia, a Xunta responde aos compromisos asumidos en materia climática no ámbito internacional —coa sinatura do memorando Under2 no marco do Cumio internacional sobre cambio climático de 2021 en Glasgow ou a máis recente adhesión á Misión de adaptación da UE— e dá cumprimento á vez á proposición non de lei aprobada por unanimidade polo Parlamento autonómico a finais de 2021 e na que se instaba á Xunta a aplicar políticas climáticas no ámbito galego ante este fenómeno global.
Ademais, tal e como explicou o titular do Goberno galego, esta norma permitirá seguir avanzando na senda das medidas iniciadas e aplicadas xa nos últimos anos para facer fronte aos efectos do cambio climático e que están a dar os seus froitos. Rueda lembrou que “Galicia é a segunda comunidade que máis reduciu as emisións de efecto invernadoiro desde 1990 (un 34%)” e que no 2021 tamén foi a comunidade “con maior capacidade de absorción de CO2”, xa que se incrementou en “case un 100%” con respecto ao mesmo ano de referencia.
Neste sentido, coa tramitación da Lei do clima, Galicia aspira a pechar o círculo normativo da sustentabilidade que iniciara no ano 2019 coa aprobación da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050 e da Estratexia de economía circular 2020-2030 e a entrada en vigor en 2021 da Lei de residuos e solos contaminados.
De igual xeito, a futura norma tamén se enmarca e virá complementar outras accións relevantes en materia de clima que está a desenvolver ou nas que participa a Xunta como, por exemplo, o Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía —iniciativa en que o Goberno autonómico actúa como coordinador—, a Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible ou a Alianza galega polo clima, que sitúan Galicia na vangarda das rexións europeas comprometidas coa acción climática e a sustentabilidade económica e ambiental.
Por último e en canto á tramitación, unha vez que o texto supere a fase de información pública e audiencia —que se abrirá nos vindeiros días polo prazo dun mes—, estudaranse todas as alegacións recibidas para valorar posibles melloras e incorporacións ao texto inicial e remitirase aos órganos de consulta procedentes, como o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. A previsión é poder remitir o proxecto de Lei ao Parlamento no último trimestre deste ano.