A 'Galicia inédita' en fotografías e textos de corte literario
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado pola vicerreitora de Estudantes e Cultura da Universidade de Santiago, Pilar Muria, inaugurou hoxe na Igrexa da Universidade da USC, en Santiago, a exposición fotográfica “A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego”, que organizan conxuntamente a Asociación de Periodistas de Galicia (APG) e o Colectivo Profesional de Fotoxornalistas de Galicia.
No acto oficial -aínda que a mostra abrirá as súas portas ao público a partir da xornada de mañá e ata o 15 de maio-, participaron tamén a presidenta da APG, María Méndez, o coordinador do Colectivo de Fotoxornalistas de Galicia, Miguel Riopa, e o comisario da exposición, Fernando Blanco. Eles foron os que guiaron ao presidente Rueda na súa visita á mostra, que reúne 73 fotografías -inéditas ou publicadas- doutros tantos reporteiros gráficos que traballan en Galicia, acompañadas por lendas de corte literario, elaboradas por xornalistas que tamén desenvolven o seu labor na comunidade autónoma.
Rueda gabou o labor dos fotoxornalistas e lembrou o poder evocador da fotografía como onte, vendo as fotos da súa toma de posesión, volveu revivir os sentimentos daquel intre grazas ao testemuño gráfico.
“A Galicia inédita”, que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades do Goberno galego e da Universidade de Santiago de Compostela, xurdiu precisamente dos encontros que mantiveron previamente a asociación de xornalistas e o colectivo de reporteiros gráficos, co obxectivo común de poñer en valor o traballo dos fotógrafos de prensa en Galicia, sen perder o nexo de unión cos profesionais que ilustran os seus textos coas imaxes que toman os primeiros.
A presidenta da APG, María Méndez, reflexionou sobre "as fotografías e os textos que os acompañan amosan a faceta artística e profesional" de seus autores. Salientou “que se trata da primeira inciativa destas características, que ten acadado un gran éxito de convocatoria, e agradeceu o extraordinario esforzo realizado, tanto por parte dos fotógrafos, como dos xornalistas, para acadar en moi pouco tempo unha fantástica representación da obra da meirande parte dos profesionais graficos da comunidade, uns de medios de comunicación e, outros, freelance, aderezada por atractivas e evocadoras lendas escritas por xornalistas”.
Para o coordinador do Colectivo de Fotoxornalistas, Miguel Riopa, “esta é unha ocasión magnífica para darlle un pouco de lustre ao quefacer duns profesionais, non sempre valorados na súa xusta medida, e que moitas veces son vítimas do intrusismo profesional”. “Agardo que a nosa exposición”, engadiu, “sirva tamén para recuperar a importancia que deben ter as imaxes nos medios de comunicación e, polo tanto, o peso que teñen que ter os fotoxornalistas nas redaccións”. Blanco viu nesta mostra, que reuniu a un gran número de fotoxornalistas galegos, como unha “semente da futura asociación galega de fotoxornalistas”.
En canto as fotografías que se expoñen na mostra, as imaxes van máis aló da capacidade creativa dos seus autores e da instantánea de actualidade, con obras que plasman moi diferentes aspectos da nosa realidade social, económica e política, dende a vertente máis dura ou crúa (lumes forestais, narcotráfico, conflitos laborais…), ata as manifestacións artísticas, culturais e festivas galegas; incluíndo tamén un bo número de imaxes de enorme beleza paisaxística ou que afondan na xeografía humana da comunidade.
“A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego” estará aberta ao público na Igrexa da Universidade de Santiago dende mañá, 16 de abril, ata o 15 de maio, de martes a sábado, en horario de 11,00h a 14,00h e de 17,00h a 20,30h, con acceso libre para tódalas persoas que desexen visitala.