Galicia exterior, apoio fronte á covid e a aposta polo retorno

O titular do Goberno galego participou por videoconferencia na clausura do encontro da Comisión Delegada do XII Consello de Comunidades Galegas.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o apoio fronte á covid e a aposta polo retorno serán as principais liñas para a Galicia exterior no 2021.

Durante a súa participación na clausura do encontro da Comisión Delegada do XII Consello de Comunidades galegas, Feijóo aseverou que, dentro e fóra de Galicia, o obxectivo do Goberno galego foi e seguirá a ser inequívoco: non deixar a ninguén atrás e apoiar a aqueles que peor o están a pasar.

Nesta liña, destacou o incremento das achegas para apoiar o sustento das entidades galegas, prestando especial atención a aquelas que contan con atención sociosanitaria, con acordos de colaboración específicos con elas de 1,2 millóns de euros. “E seguiremos apoiando ás familias con achegas de apoio social, entre axudas ordinarias e axudas de emerxencia, que superarán os 3 millóns”, engadiu, incidindo en que as iniciativas para aliviar os efectos da covid-19 seguirán a ser unha liña importante para a Xunta.

Logo de salientar que a Secretaría xeral da Emigración vén de incrementar o seu orzamento un 21,7% para o 2021, chegando aos 16,4 millóns de euros, o titular do Executivo galego afirmou que a Administracións autonómica seguirá avanzando tamén nunha das principais liñas da secretaría: o retorno.

Ao respecto, lembrou que a galega é a comunidade con maior taxa de retorno de España -1 de cada 4 persoas que chegan a Galicia son retornados-: desde 2009, retornaron case 50.000 galegos, dos que o 90% son menores de 65 anos; e só durante o pasado ano 2019 volveron máis de 6.500.

NOVA ESTRATEXIA

Ao longo da súa intervención, avanzou ademais que a Xunta está a traballar xa nunha nova Estratexia retorna; “e seremos unha das comunidades que máis inviste neste eido, con case 5 millóns para 2021”, confirmou.

Grazas a este orzamento, garantirase o reforzo dos tres principais programas neste eido: das axudas extraordinarias para apoiar a integración dos emigrantes retornados, que chegarán aos 2,2 millóns de euros -un 16% máis-, e contarán cunha nova liña para afrontar a covid; das bolsas de excelencia mocidade exterior, que aumentarán o seu número de prazas a 200; e das axudas ao retornado emprendedor, que contarán cunha nova liña de garantía de continuidade polos efectos da covid, para proxectos xa en marcha.

“E tamén seguiremos apostando pola mellora dos servizos de acompañamento aos retornados, a través do asesoramento da Oficina integral de asesoramento e seguimento ao retornado”, resaltou. Unha ferramenta esencial presente nas catro provincias, para que os galegos que retornen teñan máis sinxela a súa integración e acheguen así a Galicia o seu talento e a súa experiencia.

Por último, Feijóo recordou que nuns días comezará o Ano Santo; “e queremos que os galegos do exterior tamén teñan un papel importante en facer chegar o Xacobeo a todos os recunchos do mundo”, abundou.

O presidente da Xunta aproveitou o encontro para enviar nestas datas unha mensaxe de cariño e de alento a todos aqueles que sufriron ou tiveron un ser querido que sufriu a covid. E pediu novamente responsabilidade “para que poidamos gozar do Nadal nos vindeiros anos con todos os nosos seres queridos”.