Galicia disposta a avanzar máis na cooperación co mundo da lusofonía
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou no acto de inauguración da conferencia Portugués, Multilingüismo e Ensino a Distancia organizada pola Academia Galega de Lingua Portuguesa e a Comisión Técnica de Promoción e Difusión da Lingua Portuguesa, que conta co patrocinio da Xunta e a colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, entre outras institucións.
O director xeral destacou o traballo que a Xunta vén facendo estes últimos anos no aproveitamento da lingua portuguesa, salientando no eido académico, o avance do ensino do portugués a nivel da ESO, Bacharelato e nas universidades, por exemplo, a través do programa IACOBUS, que favorece a mobilidade entre profesores, estudantes de segundo ciclo e persoal das universidades da Eurorrexión. Tamén destacouse o programa Nortear destinado a promoción da creación artística entre Galicia e o Norte de Portugal. No ámbito da Cooperación internacional para o Desenvolvemento a Xunta de Galicia conta tamén con convenios de colaboración con distintos países de lingua portuguesa.
Un dos fitos que celebrou a Xunta de Galicia foi a recente incorporación de España como Estado observador na estrutura da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP), foro multilateral privilexiado para o afondamento da amizade mútua e da cooperación entre os seus membros. Esta adhesión xorde dun proceso impulsado pola Xunta co obxectivo de poder participar na cooperación no ámbito da lusofonía, en cumprimento da Lei Paz Andrade e das previsións da nova Lei 10/2021, reguladora da Acción Exterior e da Cooperación para o Desenvolvemento de Galicia. A Xunta espera que esta incorporación de España na CPLP sirva para que a nosa comunidade teña unha presenza directa no seus órganos e poida así avanzar na cooperación co mundo da lusofonía no eido da lingua e cultura, relacións comerciais, pesca ou cooperación para o desenvolvemento, entre outras.
O peche da conferencia estivo a cargo do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que estuvo acompañado de Rudesindo Soutelo, presidente da Academia Galega de Lingua Portuguesa, e de Rui Lourido, da Comisión Temática de Promoción e Difusión da Lingua Portuguesa- Unión das Cidades Capitais de Lingua Portuguesa. Valentín García quixo destacar “a gran importancia que para a lingua galega ten reforzar todos os instrumentos que permitan prestixiar e visibilizar a súa presenza no mundo”. “A CPLP constitúe unha oportunidade magnífica para fortalecer os vínculos coa lusofonía sentíndonos parte integrante dela”, engadiu antes de dar por pechada a conferencia.