Galicia crea emprego

O paro baixou no último ano en Galicia (outubro 2020-outubro 2021) en 27.262 persoas (-15,04%), o que supón sete meses consecutivos de caída do desemprego na evolución anual, e as afiliacións creceron desde outubro de 2020 nun 2,04%, uns indicadores que marcan, en palabras da directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, a recuperación do mercado de traballo. Galicia conta con menos paro que ao inicio da crise económica de 2008, xa que en outubro de 2008 había 168.423 desempregados fronte aos 154.045 parados de outubro. Ademais, o descenso producido é o maior de toda a serie histórica (1996) en termos relativos e absolutos e supera en 0,17 puntos a baixada experimentada no Estado (-14,87%).

O paro, tamén na evolución anual, caeu nas principais variables: nas catro provincias galegas e nas sete grandes cidades; en todos os sectores económicos; nos menores de 30 anos; as mulleres; maiores de 44; e parados de longa duración. A cifra de mulleres e menores de 30 anos desempregados son as máis baixas nun outubro de toda a serie histórica de datos (maio 2005). A contratación aumenta de xeito xeral nun 22,04%, medrando a indefinida (+17,98%) e a tempo completo (+17,47%).

O desemprego, así mesmo, reduciuse nos últimos 10 meses nun -18,75%, superando en 2,5 puntos a baixada do Estado (-16,23%).

En canto ás afiliacións, o incremento do 2,04% no último ano sitúa a Galicia con 1.032.651 cotizacións á Seguridade Social, unha cifra superior á de hai 12 anos (outubro de 2009).

Con respecto ao mes pasado, o paro aumenta en Galicia nun 0,65%. Lado explicou que a subida do desemprego en outubro é habitual debido, entre outros factores, ao peche da campaña da vendima. De feito, o maior crecemento do paro tivo lugar na agricultura e na provincia de Pontevedra. Así, o resultado segue a tendencia rexistrada desde 1996, a serie histórica de datos. Lado apuntou que o incremento experimentado é o menor nun mes de outubro de toda a serie histórica, tanto en termos absolutos como relativos. Ademais, o paro baixou na construción (-0,69%) e no sector da industria (-0,14%), Tamén rexistrouse unha caída entre as mulleres (-0,32%).

En palabras de Lado, a recuperación do mercado laboral de Galicia, tras os peores meses da pandemia, é “unha realidade”, un feito avalado tamén polos últimos datos da EPA. “Galicia ten menos paro que no inicio da crise económica e somos a quinta comunidade autónoma con menor taxa de paro”, apuntou.

ERTES

En outubro, doutra banda, rexistráronse en Galicia 3.543 Expedientes de Regulamento de Emprego (Ertes) que afectaron a un total de 8.431 persoas traballadoras, o que supón un descenso con respecto a setembro do 14,34%. A evolución durante os meses que está a durar a pandemia resulta favorable, xa que neste período saíron dun Erte un total de 156.607 traballadores, o 94,89%. No Estado, a proporción de saídas é do 94,37%, o que significa que España conta cunha proporción menor de traballadores que saíron dun Expediente de Regulamento de Emprego.

ORZAMENTOS

A directora xeral sinalou que é tempo agora de adiantarse ás novas oportunidades laborais para seguir creando emprego. Para iso, explicou que os orzamentos de Emprego e Igualdade para 2022 son unhas contas expansivas con 380 millóns de euros para ofrecer oportunidades de mellora e de inserción laboral a quen peor o está pasando; e posibilitar ás empresas atopar perfís preparados e axeitados aos oficios que precisan. “Os orzamentos apostan por unhas oportunidades laborais inclusivas co obxectivo de romper a fenda de xénero e co foco posto no emprego xuvenil e feminino”, esgrimiu.

As contas de Emprego e Igualdade medran en 2022 nun 9,2%, dous puntos por enriba da media da Xunta. Destínanse máis recursos ca nunca á formación para o emprego, que eleva o seu orzamento nun 53,5% e as políticas activas de emprego contan con 147 millóns de euros, un 44,6% máis que en 2021 para apostar por novos programas centrados na muller, a mocidade, a inclusión, a transformación dixital, a economía social e o emprendemento no rural. De feito, destínanse 33,4 millóns de euros ao Plan Emprega Muller; 51,8 millóns ao plan Emprega Xuventude; 16 millóns para medidas de conciliación; e 35,5 millóns para as persoas con discapacidade e/ou en situación de risco de exclusión social. Ademais, máis de 2 millóns de euros destinaranse de xeito específico á promoción da igualdade laboral no tecido empresarial galego.Imaxes relacionadas