Galicia contará cun dispositivo público de loita contra incendios no que dous terzos dos seus compoñentes traballarán todo o ano
O conselleiro do Medio Rural, José González, anunciou esta tarde no Parlamento que, a partires do ano 2023, dous terzos dos compoñentes do Servizo de prevención e extinción de incendios forestais da Xunta traballarán todo o ano, xa que todos os postos de traballo de nove meses vanse pasar a doce meses. Así mesmo, indicou que está en marcha un proceso de funcionarización para que moitos deles poidan adquirir a condición de funcionario. Unhas novas que trasladou no marco da súa comparecencia, a petición propia, para dar conta do balance da campaña de incendios de 2022 e informar dun paquete de 20 medidas para facer fronte a esta lacra.
Estas melloras estruturais veñen a complementar a levada a cabo entre 2017 e 2020, onde se incrementou de forma progresiva o tempo de traballo do persoal de tres meses ata os seis meses actuais de contratación. Unha medida, asegurou José González, que supuxo duplicar os custos laborais deste persoal, pasando de menos de sete millóns de euros a máis de 14 millóns .
Ademais, tamén se duplicarán as brigadas helitransportadas públicas da Xunta, creando tres novas brigadas públicas que se sumarán ás xa existentes nas bases de Marroxo, Campiño e Vilarmaior. Unha aposta decidida, reiterou o conselleiro, por un dispositivo público que cada ano evidencia a súa profesionalidade e rigoroso traballo a prol dos montes galegos.
Do mesmo xeito, crearase un novo grupo formado por profesionais especializados para a loita contra os lumes máis virulentos. Neste senso, José González indicou que esta unidade de análise dos incendios permitirá a acumulación de coñecemento, mellorando as accións a levar a cabo ante este tipo de incendios. Por iso, o conselleiro deixou clara a aposta da Xunta por un dispositivo contra incendios público, profesional, versátil e, sobre todo, eficaz. Un servizo, matizou, cuxa profesionalidade vén pola liña da estabilidade no traballo dos seus integrantes ao tempo que por unha axeitada formación e preparación, na que a Xunta investirá en 2023 un total de 700.000 euros.
BALANCE DE INCENDIOS
Todas estas melloras veñen a reforzar un servizo que, de por si, é dos máis destacados do panorama nacional. Neste senso, o conselleiro sinalou que a pesares das condicións extremas que perduraron ao longo de todo o verán, e con maior intensidade no mes de xullo, o dispositivo de loita contra incendios foi quen de solventar unha situación agravada non só polo cambio climático, senón tamén pola carga de biomasa no territorio e a intencionalidade detrás de moitos lumes.
Así, José González sinalou que entre xaneiro e outubro deste ano rexistráronse 1.609 lumes en Galicia, que afectaron unha superficie total de 51.643,3 hectáreas, das cales máis de 16.852 ha foron de superficie arborada. Porén, cómpre destacar -unha vez máis- o traballo dos equipos de extinción, que conseguiron que o 82 % deses 1.609 lumes quedaran en conatos e só 76 lumes superaran as 20 hectáreas de superficie.
Unhas cifras, trasladou o titular de Medio Rural, que hai que valorar logo dunha situación extraordinaria de seca en toda a comunidade, con temperaturas extraordinarias -tanto diúrnas como nocturnas- e un episodio completamente inédito do norte peninsular acaecido no mes de xullo denominado sistema convectivo de mesoescala. Así, lembrou que na tarde noite do 14 de xullo, en Galicia rexistráronse máis de 6.000 raios que ocasionaron ata 52 lumes de xeito case simultáneo nun período de só catro horas.
Así, o titular de Medio Rural asegurou que entre o 14 e 18 de xullo se rexistraron ata cinco grandes incendios forestais en Galicia dun total de 140 rexistros. Eses cinco incendios forestais queimaron no seu conxunto máis de 35.000 hectáreas. O primeiro foi en Folgoso do Courel e na Pobra do Brollón, no que se chegaron a xuntar ata cinco lumes. No caso do incendio de Carballeda de Valdeorras, tamén afectou aos municipios do Barco e Rubiá. Seguidamente houbo outro lume na parroquia de Pradoalbar, no concello de Vilariño de Conso, e os incendios de Rabal e Videferre, no concello de Oímbra.
A maiores, o conselleiro salientou que durante a extinción deses lumes decretáronse un total de dez Situacións 2 en cinco concellos, pola proximidade dos lumes a zonas habitadas. Así, sinalou, ante o comportamento errático que estaban tendo os incendios, procedeuse a evitar o risco vital para a poboación, priorizando o desaloxo de núcleos e dándolle prioridade á integridade do propio persoal de extinción e dos servizos de emerxencia. Neste senso, cifrou en máis de 900 persoas as desaloxadas en 60 aldeas do Courel e outras 500 persoas de 20 aldeas na zona de Valdeorras.
MEDIDAS URXENTES TRAS OS INCENDIOS
Continuando a súa explicación, o titular de Medio Rural subliñou que a prioridade a curto prazo foi reverter as consecuencias máis graves destes lumes. Así, a Xunta puxo a disposición das persoas afectadas polos lumes axudas directas por un importe total de 9 millóns de euros, dos cales 4 millóns de euros proviñan da Consellería do Medio Rural, para a reposición de explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras.
Así mesmo, de forma paralela, explicou o conselleiro, mantivéronse xuntanzas tanto cos alcaldes dos municipios afectados como coas comunidades de montes para empezar canto antes cos traballos de recuperación das zonas queimadas. Nesta liña, procedeuse á solta de palla para acolchar o solo e evitar arrastres de cinsas ou unha erosión maior do terreo, mediante a técnica do mulching. Tamén se axilizaron os trámites de corta de madeira, para poder proceder canto antes á retirada da madeira comercial e non comercial, co fin de evitar a perda do seu valor e a aparición de pragas.
Ademais, José González tamén enxalzou o extraordinario traballo da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) que, sen estar extinguidos os incendios, se puxo a traballar sobre o terreo para determinar as posibles causas e causantes. Así, quedou evidenciado que a man do home estivo detrás de moitos lumes e, grazas ás investigacións da UIFO, a Garda Civil puido deter a tres presuntos autores de ata 10 lumes rexistrados en Ourense e Lugo, á presunta autora de ata cinco lumes rexistrados en agosto en Verín e ao presunto autor de máis dunha ducia de lumes forestais nos concellos de Salvaterra de Miño e Ponteareas.
MEDIDAS ESTRUCTURAIS A CURTO PRAZO
Noutra orde de cousas, o titular de Medio Rural deu conta das melloras estruturais que se van levar a cabo no dispositivo de loita contra incendios. Así, a Consellería destinará o vindeiro ano preto de 20 millóns de euros en melloras de infraestruturas, destacando a creación de tres bases de unidades operativas -que veñen a substituír os actuais puntos de encontro de brigadas forestais- nos concellos de Muíños, Rianxo e Mondoñedo e a reforma integral de máis dunha decena de bases espalladas polo territorio. A iso súmase a finalización das obras da nave de Verín, que albergará a nova sede do distrito forestal XIV Verín-Viana, así como o remate das obras da nave de loxística en Lalín xunto cun taller de reparación para os vehículos do dispositivo.
Ademais, o conselleiro tamén destacou o investimento que se levará a cabo para mellorar as instalacións de diversas bases aéreas, reformando a de San Xoán de Río (Ourense) e creando unha nova en Lalín. A maiores, lembrou que o pasado venres someteuse a trámite de información pública o proxecto de construción dunha base de medios aéreos transfronteiriza -no marco do proxecto Interlumes- que se situará entre os municipios de Verín e Oímbra. Por último, trasladou que se seguirá avanzando na primeira fase do Centro integral de loita contra o lume de Toén, coa renovación do primeiro dos edificios do complexo para convertelo nun aula de formación e centro administrativo.
A este orzamento, concretou José González, súmanse outros 10 millóns de euros para renovar o parque móbil do Servizo de prevención e extinción de incendios, coa adquisición de 18 vehículos motobombas lixeiros e pesados, a renovación de case 140 vehículos para as brigadas de seis meses e a compra de 20 equipos Batracio, que consiste nun tractor con rozadoira para tarefas de prevención e unha cisterna de gran capacidade para os traballos de extinción.
PLANIFICACIÓN PREVENTIVA
Para pechar a súa intervención, o conselleiro fixo un repaso polas medidas preventivas a levar a cabo a medio e longo prazo. Así, destacou o Plan preventivo de Galicia, que con máis de 33 millóns de euros, permite traballar nunha superficie de máis de 58.600 hectáreas e 5.780 quilómetros de pistas e outras vías de comunicación. Ademais, ao seu abeiro, construíronse 111 novos puntos de auga e acondicionáronse os 4.750 existentes.
A maiores, indicou José González, seguirase intensificando a implantación de aldeas modelo, polígonos agroforestais e agrupacións de xestión conxunta en todo o territorio galego, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Neste senso, subliñou que precisamente as aldeas modelo de Osmo (Cenlle) e de Parada dos Montes (A Pobra do Brollón) serviron de contrapunto como zona de ancoraxe para defendelas dos incendios forestais rexistrados no verán en ámbalas dúas localidades. Polo tanto, queda demostrado que os instrumentos habilitados na citada lei son efectivos para frear o avance dos incendios forestais, ademais de ser claves na posta en valor da terra e na xeración de actividade económica.
Nesta liña de prevención, José González tamén fixo fincapé no convenio de protección das aldeas, ao que están adheridos un total de 276 concellos da nosa xeografía. Así, puxo en valor non só a superficie xestionada, que pasou de representar a metade do total en 2019 a superar o 70% no ano 2022, senón tamén o compromiso dos concellos adheridos. Un compromiso, sinalou, que non acaba de concretarse no caso das Deputacións, a excepción da de Ourense, a cal ten comprometido o 50% da financiación dun total de 26 tractores dedicados a tarefas de prevención en outros tantos concellos da súa provincia.
Por iso, o titular de Medio Rural incidiu en que a futura Lei de loita integral contra os incendios forestais pode ser o seo dun gran pacto que saque os lumes do debate partidista e que procure un acordo sobre a política autonómica contra os lumes, incluída a participación de todas as Administracións no financiamento de dita política e o consenso sobre as medidas propostas.
Unha lei, matizou, que busca facer o territorio galego máis resiliente fronte aos incendios forestais pola vía de paisaxes cortalumes, buscando descontinuidades, e pola diversificación de especies arbóreas. Unha norma, destacou José González, que conecta directamente coas premisas da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e co Plan forestal de Galicia, o cal aposta por unha xestión activa do monte para así garantir unha rendibilidade aos seus propietarios.