A futura Lei de montes veciñais
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que o Goberno galego someterá a consulta pública previa a futura Lei de montes veciñais en man común, co obxectivo de convertela nunha ferramenta útil contra o abandono do rural e a infrautilización do monte.
“Estamos a falar, en definitiva, dun texto que sirva para acometer con eficacia iniciativas de activación da xestión forestal privada e que mellore a gobernanza nos órganos de decisión e representación das comunidades”, dixo, incidindo na necesidade de regular de xeito realista este tipo de propiedades e a condición de comuneiro.
Feijóo aseverou que con esta nova normativa a Administración autonómica cumpre “as previsións do Plan Forestal e a recomendación do ditame da comisión Forestal do Parlamento”.
“Imos actuar no plano legal para mellorar a rendibilidade dos nosos montes e para iso contamos con todos: cos galegos, para que nos acheguen as súas opinións; e coas comunidades de montes”, abundou, recordando que Galicia conta con máis de 3.300 montes veciñais en man común.
“O obxectivo é facer un monte máis produtivo e máis ordenado”, concluíu o presidente da Xunta.