Francisco Castro, escultor retornado de EEUU, reabriu obradoiro do seu pai no seu Sanxenxo natal
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e a concelleira de Facenda deste municipio, Paula Martínez, coñeceron hoxe o proxecto empresarial dun veciño deste concello retornado dos Estados Unidos que puxo en marcha un obradoiro no lugar do Vinquiño, contando coas axudas deste departamento autonómico, e dende onde crea obras escultóricas que destina, entre outras e outros clientes, a edificios públicos do país americano.
Francisco Castro Freijo contou cunha axuda de 7.000 euros da Secretaría Xeral da Emigración a través do programa de Axudas ao Retornado Emprendedor co obxectivo de retomar o obradoiro do seu pai, onde deseña e executa as súas esculturas, aplicando a súa formación na Escola de Canteiros de Poio e a súa experiencia durante os anos que traballou en Estados Unidos, levando a cabo a restauración do Capitolio e participando en varios proxectos escultóricos para o Cemiterio Nacional de Arlington e para o Museo Botánico de Nova York.
Francisco Castro retornou dos Estados Unidos en 2020, e solicitou a liña de Axudas ao Retorno Emprendedor da Secretaría Xeral da Emigración. Precisamente, o secretario xeral da Emigración aproveitou a visita para recordar que esta liña de axudas continúa aberta ata finais de setembro, cun orzamento que en 2022 rolda o millón de euros. “De feito, este ano aumentamos a dotación da mesma, e os interesados poden chegar a recibir ata 10.000 euros, co obxectivo de colaborar coas persoas emigrantes galegas retornadas para que poidan exercer a súa actividade laboral ou profesional na nosa comunidade autónoma, promovendo o autoemprego”.
O secretario xeral destacou o labor deste artista “que tras adquirir unha gran experiencia no ámbito no que está a desenvolver o seu labor, optou por poñer en marcha aquí a súa propia empresa que mantén o contacto con Estados Unidos, executando nestes intres varios capiteis que teñen como destino o Capitolio”.
As axudas para o Retorno Emprendedor aumentaron este ano, partindo dos 6.000 euros (aumentables en 1.000 se a beneficiaria é muller e outros 3.000 se se pon en marcha nun concello rural), podendo chegar así ata un total de 10.000 euros.
En 2021 a área da Delegación da Xunta en Pontevedra contou con 19 beneficiados por estas axudas, case o 90% deles en concellos do rural, destacando os catro que se aprobaron para O Grove, os dous do Rosal e outros dous en Poio. O resto foron para beneficiarios de concellos como Mondariz, Rodeiro, Silleda, Vila de Cruces ou Tomiño.
Desde a posta en marcha deste programa, foron case 600 os galegos retornados que xa crearon un proxecto empresarial apoiado a través da Secretaría Xeral da Emigración. “A Xunta investiu algo máis de 4M€, pero o impacto económico para Galicia foi máis de 32M€, así, por cada euro que a axuda dá para poñer en marcha un negocio, os beneficiarios multiplican por oito o investimento”, comentou Miranda
Esta liña de subvencións ten como fin favorecer o retorno á nosa comunidade autónoma dos galegos residentes no exterior de xeito que poidan fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia.
Trátase dunha das máis de 60 medidas activas da Estratexia Galicia Retorna, de carácter transversal e coordinada pola Secretaría Xeral da Emigración coa colaboración de todos os departamentos da Xunta de Galicia.