Formación complementaria á iniciación da análise sensorial dos queixos galegos con Denominación de Orixe Protexida

A acción formativa ten previsto desenvolverse os días 6 e 8 de setembro na sede da asociación de empresarios Sete Pontes en horario de 16.00 a 21.00 horas.

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ten previsto organizar un curso de formación complementaria á iniciación da análise sensorial dos queixos galegos con denominación de orixe protexida (DOP). A acción formativa desenvolveríase os días 6 e 8 de setembro na sede da asociación de empresarios Sete Pontes (na rúa do Castiñeiro, E-1, polígono industrial de Vilalba) en horario de 16:00 a 21:00 horas.

O obxectivo principal deste curso é continuar coa formación na análise sensorial dos queixos galegos con DOP, polo que se dirixe especialmente a todos aqueles que asistiron á formación do pasado ano ou que xa teñen nocións no eido.

De todos xeitos, o curso está dirixido en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

Así, ao longo das 10 horas de duración, a programación combinará unha parte teórica cunha práctica. Na parte teórica abordaranse temas como a identificación, as características ou as calidades dos sabores, aromas e regustos dos queixos. Do mesmo xeito, na parte práctica aplicaranse os coñecementos previamente adquiridos ensinando aos alumnos a recoñecer os queixos segundo as distintas características específicas de cada unha das variedades.
Todos os interesados poderán anotarse no curso cubrindo a solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse finalmente ao correo electrónico formacion.agacal@xunta.gal. Tamén poden chamar ao número 881 997 279 para máis información.


A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que poden consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.Imaxes relacionadas