Feira Outrora de Bóveda
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta mañá a Feira Outrora, que se celebra na localidade de Rubián, en Bóveda (Lugo) e que conta co apoio da Xunta co obxectivo de contribuír á posta en valor dos oficios artesanais e de visibilizar a marca Artesanía de Galicia.
Así, no programa de actividades inclúense catro obradoiros abertos para todos os públicos impartidos por obradoiros artesanais que se están a desenvolver en horario de 11:00 a 14:00 e 17:00 a 20:00 horas.
Os artesáns María José Martínez e José Antonio Carrera, de Artesanía Chuschús, encargaranse de impartir dous obradoiros, un sobre encadernación á xaponesa –no que se elaborará un caderno– e outro sobre gyotaku e transfer. O gyotaku é unha técnica na que se utiliza o peixe como prancha de gravado e o transfer consiste en facer unha impresión sobre madeira.
Pola súa banda, o ceramista Carlos San Claudio é o encargado de impartir un taller de torno oleiro no que cada persoa pode vivir a experiencia do torneado do barro utilizando como ferramenta o torno oleiro. Mentres que a artesá Leonor Díaz, de Como pez en el agua, imparte un obradoiro de pintura sobre madeira.