Feira do Cocido de Lalín distinguida como Festa de Interese Turístico Internacional
A Feira do Cocido de Lalín, un evento que se celebra desde hai máis de 50 anos na comarca do Deza, será recoñecida como festa de Interese Turístico Internacional en próximas datas. Esta decisión foi avanzada pola secretaria de Estado de Turismo, Isabel Oliver, que, no marco de Fitur, confirmoulle hoxe ao conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e ao alcalde de Lalín, José Crespo, que a Feira do Cocido cumpre con todos os requisitos. Esta distinción supón o máximo recoñecemento que se pode acadar no eido turístico, algo que, ata agora, só conseguiron 11 celebracións de toda a Comunidade galega. Convértese, ademais, na primeira festa gastronómica en acadar este recoñecemento en toda España.
A Secretaría de Estado de Turismo outorgará en próximas datas esta declaración, culminando así un proceso que a Xunta de Galicia vén apoiando nos últimos anos ao tratarse dun evento que ocupa un lugar moi destacado dentro do modelo turístico galego que, ao conseguir esta declaración, acada unha destacada proxección turística tanto para o propio concello de Lalín como para toda a comarca do Deza. Ademais, esta nova distinción permitirá que a Feira do Cocido de Lalín acceda a unha axuda superior, de ata 40.000 euros, a través dos acordos que asina a Xunta anualmente con estas declaracións.
Pola súa data de celebración, considerada unha das citas gastronómicas máis importantes do inverno na comarca do Deza, este recoñecemento supón un paso máis nun dos principais obxectivos do Goberno autonómico: a desestacionalización do turismo en Galicia.
ATRACTIVO TURÍSTICO
A enogastronomía é un dos principais atractivos da Comunidade galega e contribúe a incentivar a demanda turística fóra da tempada alta. Tanto é así que o Goberno galego impulsou o pasado ano Galicia Sabe, a folla de ruta para promover o recoñecemento, protección e difusión da cultura enogastronómica. No eido enoturístico, ten recoñecemento de Interese Turístico Internacional a Festa do Viño do Albariño de Cambados.
Ademais destas dúas celebracións, tamén contan con esta distinción o Apóstolo Santiago, a Romaría Vikinga de Catoira, o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, a Rapa das Bestas de Sabucedo, o Corpus Christi de Ponteareas, a Semana Santa de Viveiro, a Semana Santa de Ferrol, o San Xoán de A Coruña, a Festa da Arribada de Baiona e o Entroido de Xinzo de Limia.