Feijóo demanda unha resposta sanitaria, económica e social conxunta e urxe abordar a situación financeira das comunidades

O titular do Goberno galego en funcións asistiu hoxe á Conferencia de Presidentes autonómicos.
Diante dos brotes, pide que se habilite unha normativa sanitaria específica para que as comunidades actúen con seguridade xurídica e con criterios de saúde pública

O presidente do Goberno galego en funcións, Alberto Núñez Feijóo, demandou hoxe, na Conferencia de Presidentes autonómicos que tivo lugar na Rioxa, afondar nunha resposta sanitaria, xurídica, económica e social “conxunta e coordinada”, para saír dunha situación económica “moi complexa” e dunha pandemia que “aínda non derrotamos e na que queda moita tarefa por facer”.

“A situación económica é de prognóstico reservado e, polo tanto, necesitamos políticas de Estado. Afondar nunha resposta conxunta e coordinada ao problema sanitario; ao problema xurídico, para ordenar e seguir xestionando a pandemia; e nos ámbitos económicos e sociais, ante os demoledores datos de desemprego e da caída do PIB”, abundou.

En canto á cuestión sanitaria, Feijóo trasladou a preocupación polos brotes e incidiu na necesidade de mellorar o plan nacional, ademais de que se habilite unha normativa sanitaria específica para que as comunidades poidan actuar con seguridade xurídica e con criterios de saúde pública, por riba de calquera outro condicionamento e sen estar sometidas ás autorizacións xudiciais. “Non podemos xestionar a saúde pública nunha pandemia sen ter unhas normas xurídicas que faciliten o confinamento dun edificio, dun barrio ou dun municipio”, sentenciou.

Así mesmo, insistiu na necesidade de contar cun sistema de información razoable, con datos en tempo real, completos e coñecidos por todos. “Este sistema de información impreciso e confuso non axuda a xestionar a pandemia e supón un custo reputacional para España”, sostivo.

O titular do Goberno galego en funcións asistiu hoxe á Conferencia de Presidentes autonómicos.

Para mellorar a prevención e atención sanitaria pediu ao Goberno que dea tres pasos clave: a rebaixa do IVE das mascarillas, que segue ao 21%, cando o seu uso é obrigatorio; a eliminación da taxa de reposición nas ofertas públicas de emprego no ámbito da saúde e dos servizos sociais; e o desenvolvemento dunha app única para facilitar o labor dos rastreadores. Sobre este último punto, valorou o compromiso do Goberno para a súa posta en marcha no mes de agosto.

SITUACIÓN FINANCIERA CCAA

No tocante aos problemas económicos, Feijóo referiuse, ademais de ao novo contexto europeo, aos problemas domésticos que hai que aclarar antes de tratar o reparto dos fondos da UE.

Así, en primeiro lugar, urxiu abordar a situación financeira das comunidades nun Consello de Política Fiscal e Financeira, e reiterou a súa disconformidade co reparto do Fondo de 16.000 millóns habilitado para afrontar os gastos deste ano.

Diante desta situación, trasladou ao Goberno central a necesidade de prever un Fondo covid para o orzamento do 2021. “E tamén reclamamos información para poder elaborar os orzamentos para o vindeiro ano”, engadiu, subliñando que o Executivo aínda non reelaborou o teito de gasto para o ano próximo e non se coñecen os novos obxectivos de déficit e débeda.

“En definitiva, estas son as cuestións domésticas: un novo fondo covid no orzamento do 2021, similar ao de 2020; a posibilidade de tensións financeiras se vén unha segunda ola da pandemia nos orzamentos das comunidades autónomas; e datos concretos para poder elaborar o novo exercicio presupostario obrigado”, abundou.

NOVO FONDO EUROPEO

Sobre o acordo alcanzado na Unión Europea, Feijóo apelou a que o Executivo central transfira os novos fondos de forma correcta e en base a proxectos que dean rendibilidade económica ás comunidades e á economía do país. E expresou a vontade de Galicia de participar dos proxectos tractores e que dinamicen a economía.

No tocante ao reparto dos fondos de cohesión para o período 2021-2027, pediu que se deixe ás comunidades con, polo menos, o statu quo que mantiñan en exercicios anteriores, dado que o fondo de cohesión é practicamente o mesmo que tiñamos no período anterior.

Feijóo aproveitou o encontro para referirse novamente ao primeiro problema industrial que ten Galicia: Alcoa, a primeira e única fábrica de aluminio primario que existe en España; que dá traballo a máis de 1.500 familias e que está a punto de pechar se non se busca unha tarifa eléctrica axeitada para que esa factoría se poida vender e seguir manténdose. “Non temos moito máis tempo. Se non buscamos unha solución no mes de agosto, en vez de falar de construción de emprego estaremos falando de destrución da fábrica máis importante de aluminio de España”, concluíu.