La Estación Intermodal de Lugo

lugo
Trátase dun proxecto ambicioso e moi coidado desde o punto de vista estético, e que o obxectivo é que a nova terminal de autobuses intermodal preste servizo a case 30.000 viaxeiros cada ano.

A Xunta, o Concello de Lugo e Adif avanzaron hoxe no cronograma de actuacións e nos termos financeiros da futura estación intermodal de Lugo. Na xuntanza mantida esta mañá en Madrid entre a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a presidenta de Adif, Mª Luisa Domínguez, as partes estableceron o prazo duns días para concretar os termos do financiamento e a planificación das actuacións, co fin de iniciar a tramitación do convenio.

Na xuntanza, na que tamén participou o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, a Xunta manifestou a súa disposición a participar no financiamento do conxunto cunha achega de 10,5 M€, o que representa un 40% do que lle correspondería para financiar a estación de autobuses, que ten un orzamento de 7,3 M€.

Dese xeito, a Administración autonómica, ademais de financiar a estación de autobuses integramente, contribuirá a sufragar os elementos complementarios da estación intermodal, entre eles o aparcadoiro subterráneo proxectado.

O obxectivo da Xunta é contribuír ao desbloqueo do convenio con Adif e co Concello de Lugo para o impulso da estación intermodal da cidade, que recolle varias actuacións. Á Xunta correspóndelle a execución dunha estación de autobuses con dous andares e 550 m2 de superficie e un espazo para autocares cun total de 23 dársenas.

No andar a cota de dársenas disporase un interior con espazos diáfanos no que se atopen as zonas de atención a viaxeiros ou a cafetería, e o andar superior destinarase a usos administrativos e instalacións da xerencia da terminal.

Trátase dun proxecto ambicioso e moi coidado desde o punto de vista estético, e que o obxectivo é que a nova terminal de autobuses intermodal preste servizo a case 30.000 viaxeiros cada ano.

A estación intermodal tamén inclúe un novo edificio de viaxeiros da estación de ferrocarril que se integrará na praza intermodal que conectará as estacións de ferrocarril e de autobús. Para a súa integración na trama urbana e na paisaxe da cidade prevese un novo paso de inferior entre andéns de uso exclusivo para os viaxeiros do tren.

Ademais, a estación intermodal levará aparellada a construción dun novo paso inferior peonil de cidade entre o centro urbano e o parque do Sagrado Corazón, que conectará ambos os lados da canle ferroviaria, incluídos os seus accesos, elementos de comunicación vertical e urbanización asociada.

Realizaranse, ademais, obras de urbanización exterior do eido da estación e da conexión do paso inferior de cidade coa contorna urbana. Inclúe, á súa vez, a adecuación do cerramento da estación, de forma que se evite o acceso indebido á zona de vías e o acceso aos andéns sen pasar polo control de pasaxeiros.

Finalmente, construirase un novo aparcadoiro subterráneo, que prestará servizo fundamentalmente á estación ferroviaria e que explotará Adif. O investimento total entre a estación de autobuses, a terminal ferroviaria e o conxunto de elementos complementarios é de 40 M€.

A Xunta espera agora poder pechar o acordo canto antes e, paralelamente, iniciar a tramitación urbanística do proxecto a través da Lei de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese.

Na xuntanza, a Xunta lembrou a necesidade de que a construción da estación intermodal vaia parella á modernización dos servizos ferroviarios e ao cumprimento dos tempos de viaxe comprometidos, que son de 3h e 47 minutos, un asunto sobre o que se apuntou a necesidade de concretar os prazos previstos.