EFA, medio siglo formando en el rural a 17 mil alumnos
Os Centros de Promoción Rural – EFA de Galicia van celebrar o seu 50 aniversario mañá xoves, 22 de xuño, no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela. O evento reunirá a partir das 18:00 horas a unhas 1.500 persoas, entre representantes institucionais, empresas e tamén membros da comunidade educativa.
No transcurso da xornada visibilizarase o traballo que ao longo destes anos levaron a cabo estas entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a promoción do medio rural, poñendo en valor a xente e os recursos do rural galego como xeradores de emprego e riqueza no territorio. Na actualidade en Galicia existen tres centros: A Cancela (As Neves-Pontevedra), Piñeiral (Arzúa-A Coruña) e Fonteboa (Coristanco-A Coruña).
O encargado de abrir o acto será o presidente da Federación EFAs de Galicia, Gabriel Tirapu. A secretaria xeral da Federación, Belén Rodríguez, fará balance dos 50 anos dos Centros de Promoción Rural na nosa comunidade. De seguido, celebrarase unha mesa redonda, coa participación de exalumnos que conseguiron insertarse laboralmente no rural, emprendendo proxectos propios.
Pedro Puig-Calvó, experto en Formación Profesional Dual e en formación no ámbito rural, cunha longa traxectoria en países de Europa, América e África, abordará a visión de futuro das EFAs. Participarán tamén a conselleira delegada do Grupo Lence-Leite Río, Carmen Lence; e o director de Abanca Agro, Jesús Combarro.
Unha formación adaptada aos novos retos do territorio
A EFAS buscan a inserción profesional dos mozos no rural. Nesta liña, superan os 7.000 alumnos formados no ámbito da formación regrada e os 10.000 na non regrada. A secretaria xeral da Federación EFAs de Galicia, Belén Rodríguez, indica que “un aspecto salientable dos Centros de Promoción Rural é o feito de que estamos permanentemente atentos aos cambios que vai experimentando a contorna para detectar as necesidades que van xurdindo en cada momento e así vemos o que podemos aportar a través da formación. Co tempo foise modificando a oferta formativa, que inicialmente era exclusivamente agraria, para adaptarse aos novos retos do territorio”.
En relación ao impacto das EFAs no rural, o presidente do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, José Manuel Iglesias, considera que os mozos e mozas que hoxe se forman nestes centros -cos que o Clúster realiza proxectos conxuntos- xogarán un papel destacado no futuro do sector da madeira. “Cremos firmemente no traballo fundamental que desenvolven as EFAs de Galicia, que garanten a supervivencia dalgúns sectores como o da madeira, que comezaron a sufrir a falta de traballadores formados” -manifesta-.
Pola súa parte, o secretario xeral de Unións Agrarias-UPA, Roberto García, pon de relevo que as EFAs permiten “amosar a realidade do sector á mocidade, achegando aos futuros profesionais unha visión máis apegada ao día a día, poñendo en valor a actividade agrogandeira e promovendo así o relevo xeracional”.
Durante o acto terá lugar a imposición de becas e a entrega de diplomas ao alumnado que se gradúa este curso. O conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, será o encargado de clausurar o encontro.
O evento conta coa colaboración de empresas e entidades como a Consellería do Medio Rural, Abanca Agro, Ence, Gadisa, Lactalis, Leche Río, Aguas de Mondariz, Bico de Xeado, Fundación Juana de Vega, Fundación Abriendo Caminos, Fundación Roberto Ribas, Viveros Growin, Xenética Fontao, Navigator Company, Bosch, Ecoenner, Agricor, Construcciones Espiño, Embutidos Domínguez, Progrando, Cooperativa Agraria Provincial, Inleit e o Concello de Coristanco.