Educación de adultos, nova lei
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello deu luz verde ao proxecto de acordo polo que se autoriza o inicio da tramitación do anteproxecto de lei para a aprendizaxe ao longo da vida adulta, coa cal se busca fomentar estas ensinanzas, incrementar a súa calidade e estimular unha sociedade e un envellecemento activo. “O obxectivo é actualizar e adaptar a normativa existente, que ten xa 30 anos, ás necesidades da sociedade actual”, indicou o titular do Goberno galego.
Rueda recoñeceu que a matrícula no sistema de ensinanzas para adultos de Galicia experimentou un descenso “nos últimos anos” debido a dous motivos. “Pola necesidade de actualizar estas ensinanzas e tamén polo descenso a mínimos históricos do abandono escolar que pasou do 25,8% no 2009 ao 8%”, indicou Rueda.
A futura lei ten como obxectivo último atender particularmente os grupos sociais máis desfavorecidos, con baixa cualificación profesional ou en risco de exclusión social. Así mesmo, e para atender as persoas residentes no ámbito rural, trata de potenciar de xeito singular as modalidades de aprendizaxe a distancia e favorecer ao mesmo tempo a conciliación coa vida familiar e laboral dos cidadáns. “Era necesario regular e facilitar a aquelas persoas que queren continuar coa súa formación o poder facelo de forma online ou semipresencial porque na anterior normativa era case ao 100% presencial”, indicou Rueda, que aclarou que a nova lei tamén promoverá o deseño de itinerarios flexibles de aprendizaxe, adaptados ás necesidades de cada persoa, específicos, ademais, no caso das persoas privadas de liberdade.
Para iso, as principais accións pasan pola elaboración dun Plan do sistema galego para a aprendizaxe ao longo da vida adulta, co fin de concretar as accións para lograr os obxectivos normativos, e pola creación do Instituto galego para a aprendizaxe ao longo da vida adulta como centro de referencia para homoxeneizar estas ensinanzas.
ENSINANZAS QUE SE INCLÚEN
O texto normativo achega as definicións máis destacadas sobre o ámbito da formación das persoas adultas, como as de competencias básicas e profesionais ou a de programas de formación e integración en competencias lingüísticas, de mellora das competencias clave e dos orientados a potenciar o envellecemento activo e saudable.
Así mesmo, define como oferta formativa para as persoas adultas a constituída polas ensinanzas académicas non universitarias (básicas iniciais, a educación secundaria obrigatoria, o bacharelato e a preparación para as probas de obtención de títulos), a FP para adultos, as ensinanzas de réxime especial (idiomas, artísticas e deportivas, as non regradas (formación en competencias dixitais, as ensinanzas de castelán e galego e dos elementos básicos da cultura para a integración das persoas inmigrantes) e os cursos en liña abertos.
Todas elas quedarán recollidas no Plan do sistema galego para a aprendizaxe ao longo da vida adulta, que concretará as accións que cómpre levar a cabo para lograr os obxectivos desta lei, partindo da diagnose das necesidades e demandas da sociedade. Neste sentido, cómpre sinalar que nos últimos anos se vén experimentando unha considerable caída da matrícula nas ensinanzas para adultos, tanto pola diminución do abandono educativo ao mínimo histórico do 8,1% (fronte ao 25,8% do ano 2009), como pola necesidade de reformular a facer máis atractivas as ensinanzas de adultos.
IGUALDADE DE OPORTUNIDADES
O Instituto galego para a aprendizaxe ao longo da vida adulta, que se creará ao abeiro deste texto formativo, será o centro de referencia para homoxeneizar estas ensinanzas. Ocuparase de desenvolver accións formativas por medios telemáticos, promover novas metodoloxías de aprendizaxe e, en xeral, impulsar o ensino a distancia para garantir a igualdade de oportunidades e facilitar a conciliación e o acceso aos recursos desde calquera parte do territorio.
Neste sentido, encargarase do deseño e elaboración dun catálogo de recursos dixitais, dispoñibles en liña, que inclúe todos os materiais didácticos precisos para seguir a oferta formativa que estea dispoñible na modalidade a distancia.
O texto normativo prevé, ademais, que todo o proceso de formación ao longo da vida estea apoiado polos servizos de orientacións, de tal forma que a cidadanía poida determinar, en calquera momento da súa vida, as súas capacidades, competencias e intereses, tomar decisións en materia de educación, formación e emprego, xestionar o percorrido de aprendizaxe, esencial para o desenvolvemento persoal, a evolución profesional e a integración social, e avanzar en termos de equidade e inclusión social.
CONTEXTO EUROPEO
O anteproxecto de lei encádrase no contexto da Axenda de Capacidades Europea, que considera que a aprendizaxe ao longo da vida debe ser a norma da sociedade actual, e na Resolución do Consello da Unión Europea sobre un novo Plan europeo de aprendizaxe de persoas adultas 2021-2030. Establece como obxectivo xeral aumentar e mellorar a oferta, promoción e aceptación das oportunidades formais, non formais e informais de aprendizaxe para todas as persoas.