DO Ribeiro presenta os seus premios e quere ser máis Ourense
Ourense foi a cidade elixida este ano polo C.R.D.O Ribeiro para a celebración do X aniversario dos seus premios, conmemoración que se traducirá nunha semana de actividades en torno ao viño, presentadas hoxe polo presidente da entidade, Juan Manuel Casares Gándara, que estivo acompañado por César Fernández Gil, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense; Armando Ojea Bouzo, tenente alcalde do Concello de Ourense, e Rubén Saavedra Pedreira, director territorial de ABANCA en Ourense, en representación das institucións colaboradoras.
O presidente da D.O. explicou a elección de Ourense como escenario da celebración polo seu carácter de “cidade estratéxica para o Ribeiro” e a súa intención de “fortalecer lazos entre eles” xa que “o Ribeiro é Ourense, e Ourense é o Ribeiro”. Ademais, Juan Casares aproveitou a súa intervención para dar a coñecer tres novos premios que se entregarán na gala do día 25, cos que a Denominación de Orixe Ribeiro quere, ano tras ano, recoñecer o labor das persoas, entidades e lugares que fan da difusión do mundo do viño o seu sinal de identidade.
Así, nesta edición os premios Mellor servizo de viño en restaurante será para A Taberna (Ourense); o de Mellor tenda especializada– vinoteca para A Vivariense (Viveiro), e o de Mellor taberna–bar de viños para Jaleo (A Coruña). Estes galardóns súmanse aos que recibirán Manuel Villanueva, director xeral de contidos de Mediaset España, que será recoñecido co Premio Persoeiro de Honra; a enóloga Almudena Alberca, primeira muller Master of Wine española e directora técnica de Entrecanales Domecq e Hijos, Premio Muller e Viño; a colleiteira Xulia Bande, Premio Vida entre Vides; o xornal dixital Campo Galego, Mellor labor de Comunicación, e a película Cuñados, Premio Ribeiro en Nós.
Ademais, na gala coñeceranse os mellores viños brancos e tintos, de adega e de colleiteiro, pertencentes á D.O. Ribeiro.
Pola súa banda, Rubén Saavedra lembrou que ABANCA é unha entidade vinculada non só á economía e a vida cultural de Galicia, senón tamén desde as súas orixes ao sector primario, “e moi especialmente ao rural”, polo que “non podiamos deixar de apoiar un ano máis unha iniciativa como esta” que ademais “permitirá a moitas persoas achegarse ao mundo do viño” grazas ás diferentes sedes nas que se celebrarán as actividades, ás que se poderá acceder nalgunhas delas mediante ataquilla, e reafirmou o interese da entidade en apoiar “a un sector especialmente impactado pola pandemia”.
Tamén constatou o firme apoio do Concello á D.O Ribeiro e a esta iniciativa o tenente de alcalde Armando Ojea, cualificándoa de “motor económico e cultural” da cidade, aproveitando a súa intervención para animar ao público para “colaborar, involucrándose nas actividades e na promoción do ribeiro”, un produto “moi importante para a nosa economía”.
Na mesma liña mostrouse César Fernández, que trasladou á D.O. o apoio da Deputación de Ourense e do seu presidente, tanto á entidade como á Ruta do Ribeiro, cuxo traballo está “a dar os seus froitos, xa que o Ribeiro está moi presente no mundo vinícola a nivel nacional e é todo un referente”, valorando moi positivamente a “cooperación entre institucións e entidades privadas”.
SEMANA DE ACTIVIDADES
Con motivo do décimo aniversario da celebración dos Premios D.O. Ribeiro, que estrean nova imaxe e segunda cidade en itinerancia, o Consello Regulador puxo en marcha un completo programa de actividades, que se desenvolverá en Ourense ata o vindeiro venres, día 26, e entre as que se atopan un completo túnel dos viños da D.O. Ribeiro (zona de cata libre previa reserva en ataquilla), cun total de 54 viños brancos e tintos de diferentes adegas e colleitas, dirixido a profesionais da hostalería, restauración e distribución, así como e amantes do mundo do viño.
Esta actividade celebrarase no Centro Cultural Ánxel Valente (antigo Banco de España) na rúa do Paseo, 20, o martes e mércores de 12.00 a 14.00 e de 19.00 a 21.00 horas e xoves e venres unicamente en horario de mañá.
Outro dos eixos do programa serán tres catas guiadas a cargo de expertos no sector. A primeira, prevista para hoxe luns 22, virará ao redor de catro brancos elaborados con Treixadura como variedade principal e dous tostados, e será impartida por Eduardo Camiña, gañador do Concurso Galego de Catadores 2019 e exsumiller de Mugaritz, mentres que o martes día 23 presentaranse os viños tintos de variedades preferentes da man do catador Jacobo Mouteira, da vinoteca ourensá Sybaris 2.0.
Pechará o ciclo o mércores 24 a afamada Master of Wine Amudena Alberca, cunha cata especial de viños da D.O. Ribeiro elaborados por mulleres, na que participarán catro grandes adegueiras que presentarán os seus viños e proxectos.
As catas terán lugar en diferentes salas do Centro Cultural Marcos Valcárcel (antigo edificio Simeón) na rúa do Progreso 30, a partir das 20.00 horas.
O prato forte da semana será a X Gala dos Premios D.O. Ribeiro, guiada polo actor e monologuista Federico Pérez e a xornalista Montse Estévez. Durante o evento, con aforo para 347 persoas e estrito protocolo de seguridade sanitaria, contará cun photocall, unha actuación musical e a realización dun mural en directo. A gala finalizará cun viño institucional do C. R.D.O. Ribeiro, Fillas D.O. Ribeiro 2020. Será o día 25, ás 19.00 horas, no Auditorio de Ourense.
O broche de ouro da Semana será a presentación dos catro viños gañadores dos Premios (dous brancos e dous tintos, de adega e de colleiteiro), harmonizados cunha esmerada selección de diferentes elaboracións de cociña asiática, que se gozarán con música en vivo, nun
evento que reunirá a influencers e medios de comunicación especializados. Obsequios promocionais.
Por outra banda e como actividades complementarias, ao longo da semana levaránse a cabo escenas teatralizadas na rúa con actores da asociación cultural Platea Lúa por diferentes localizacións, así como unha acción especial en Instagram co nome de usuario @peixes_ do_ ribeiro: Os #peixesdoribeiro estarán repartidos por diferentes localizacións das rúas da cidade e toda persoa que as atope durante esta semana obterá un agasallo o día 26, ás 13.00 horas, no Centro Cultural Ánxel Valente (Rúa do Paseo, 20), onde poderán levar de obsequio packs de merchandising, libros sobre viticultura e enoloxía ou botellas de viño, entre outros.