A Deputación de Pontevedra duplica o orzamento de 'Vive o Rural' para achegar a escolares á vida nas granxas
A Deputación de Pontevedra abre este luns, 13 de xaneiro, o prazo para solicitar visitas ás granxas escola da provincia a través do programa "Vive o Rural". Nesta nova edición, o programa contará cun orzamento de 60.000 euros, o dobre que na anterior, en resposta á gran demanda rexistrada o ano pasado, cando se esgotou o crédito dispoñible en poucas horas.
"Vive o Rural" está dirixido a alumnado de centros escolares públicos de concellos de menos de 20.000 habitantes. Tanto os propios centros de educación infantil, primaria e secundaria, como as ANPA legalmente constituídas, poderán ser beneficiarios. As axudas ascenden a un máximo de 1.250 euros (25 € por alumno, cun máximo de 50 alumnos por solicitude) e destinaranse a financiar o custo das entradas ás granxas (incluíndo a comida, se é o caso) e os gastos de desprazamento en transporte colectivo.
As solicitudes poderán presentarse ata o 7 de febreiro de 2025, e as visitas realizaranse nalgunha das cinco granxas escola da provincia: Serantellos (en Cambados), Fervenzaventura (en Silleda), Kiriko (en Fornelos de Montes), Corazón de Carballo (en Tomiño) ou Río Mouro (en Poio).
As actividades que se desenvolverán nas granxas escola permitirán aos nenos e nenas tomar contacto cos animais, participar en labores da horta, asistir a obradoiros educativos e gozar de xogos. O obxectivo principal é achegar á rapazada á realidade das actividades agrícolas e gandeiras, proporcionándolles coñecementos prácticos sobre a produción local, as características dos cultivos, a vida dos animais, o coidado do medio natural e a importancia do sector primario. Tamén se busca poñer en valor o mantemento da biodiversidade, a paisaxe e a tradición agraria como elementos de identidade da cultura da provincia.
O ano pasado, "Vive o Rural" recibiu solicitudes de 44 centros e ANPA de 21 concellos da provincia, permitindo a participación de 1.500 nenos e nenas de 25 centros de ensino.