A Deputación mantén aberto ata o venres a preinscrición para optar aos Premios Provinciais á Xuventude
A edición deste ano inclúe once categorías de galardóns para recoñecer o talento de mozos da provincia, entre as que se inclúe por primeira vez a destinada a proxectos de agrupacións estudantís.
A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata este venres 26 de abril o prazo de preinscrición para optar aos Premios Provinciais de Xuventude que este ano repartirán 36.000 euros entre as mellores iniciativas impulsadas pola mocidade. Estes premios buscan promover o talento e potencial da xuventude, estimular e recoñecer a súa traxectoria, o seu esforzo e compromiso, así como labores relevantes que promovan en distintos ámbitos. Unha vez rematada a preinscrición e validadas as candidaturas, as persoas solicitantes deberán presentar os seus proxectos antes do 19 de agosto.
Nesta edición dos premios haberá once categorías, entre as que destaca a de proxectos de agrupacións estudantís, convocada por primeira vez e dotada cun orzamento de 2.000 euros repartido en tres premios de 1.000, 600 e 400 €. En concreto, estes premios están dirixidos tanto a mozos de entre 16 e 35 anos da provincia como a agrupacións estudantís e centros educativos de carácter público cuxo alumnado teña entre 12 e 18 anos. Ademais, convócanse as categorías de iniciativa empresarial, dotada con 4.000 €; educación en valores, con 2.000 €; investigación (coas subcategorías de ciencias, arquitectura e enxeñería e a de artes, humanidades e ciencias sociais e xurídicas), con 8.000 €; contido audiovisual, con 2.000 €; traballo musical (música clásica e outros xéneros), con 4.000 €; traballo literario breve (narrativa e poesía), con 4.000 €; banda deseñada, con 2.000 €; fotografía orixinal (serie fotográfica e fotografía), con 4.000 €; deseño e moda, con 2.000 €, e reacción polo clima, con 2.000 €.
En xeral, a estes Premios Provinciais á Xuventude poden presentarse persoas de 16 a 35 anos empadroadas na provincia de Pontevedra, se ben nas categorías de iniciativa empresarial e de reacción polo clima tamén poden concorrer persoas xurídicas nas que polo menos un 75% da xunta directiva ou dos administradores teñan esa idade. Nesta última, ademais, tamén poden presentarse centros de Educación Secundaria en cuxos proxectos participen alumnas e alumnos de idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos, aos que tamén está dirixida a categoría de educación en valores. Nesta categoría o importe do premio deberá destinarse na súa totalidade á adquisición de material, a saídas educativas, a proxectos escolares, a bolsas para o alumnado ou a calquera outra actividade que teña relación directa coa programación do centro.