Curso de aplicación e a manipulación de produtos fitosanitarios de nivel cualificado

No Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Monforte de Lemos a partir do vindeiro luns 6 ata o 30 de setembro en horario de 16.00 a 20.00 horas

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza un curso sobre aplicador e manipulador de fitosanitarios de nivel cualificado. A acción formativa ten previsto celebrarse de maneira semipresencial no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Monforte de Lemos a partir do vindeiro luns 6 ata o 30 de setembro en horario de 16:00 a 20:00 horas.

O curso está dirixido principalmente a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A acción formativa -que contará cunha duración de 35 horas – ten como obxectivo formar axeitadamente aos usuarios e operadores de fitosanitarios co fin de que acaden o nivel adecuado para cumprir coa normativa vixente e facer un uso sostible destes produtos e das proteccións antes os riscos derivados do seu uso.

Así, ao longo da súa programación abordaranse conceptos como as pragas dos cultivos e os seus métodos de control, a limpeza, regulación e calibración dos equipos de limpeza ou a eliminación dos envases baleiros. Así mesmo, trataranse cuestións como a relación traballo-saúde normativa sobre prevención de riscos laborais e as medidas para reducir os riscos neste eido.

Todos os interesados poderán anotarse no curso cubrindo a solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse finalmente ao correo electrónico maria.lourdes.diaz.fernandez@xunta.gal. Tamén poden chamar ao número 982 889 103 para máis información.

A Agacal ten como obxectivo mellorar a produtividade e a xeración de valor engadido no rural a través da organización de cursos coma este, que se enmarcan no plan de formación continua 2021. Deste xeito, búscase potenciar a remuda xeracional para consolidar un modelo produtivo sólido e sustentable do agro galego.

Cabe engadir que os interesados poden consultar todas as accións formativas e de transferencia organizadas pola Consellería do Medio Rural neste ano 2021 no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.