Convocatoria de axudas para o fomento da comercialización de artesanía galega
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, informou esta mañá de que ata o 29 de maio está aberto o prazo de presentación de solicitudes para o programa de axudas para o fomento da comercialización da artesanía galega.
Aneiros deu conta desta convocatoria da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación durante unha visita ao establecemento Tenda Fina, en Santo André de Teixido, dedicado á elaboración de figuras de pan tradicionais coñecidas como sanandresiños. Trátase duns amuletos típicos do lugar, froito dunha das artesanías máis antigas vinculadas ao rural, unhas pezas de gran colorido ás que se lle atribúe protección e boa sorte.
Tenda Fina é un obradoiro que pertence á marca Artesanía de Galicia e os seus sanandresiños están a comercializarse en diferentes mercados, entre eles o nórdico, pois formaron parte do stand da marca Artesanía de Galicia na feira profesional de decoración Formex, que se celebra en Estocolmo (Suecia).
Estas axudas, das que se poden beneficiar os obradoiros artesanais, os Concellos e as asociacións profesionais e empresariais do sector, concédense en réxime de concorrencia competitiva e alcanzarán o 80% do investimento subvencionable.
No caso de talleres artesanais como Tenda Fina, poderán recibir ata 8.000 euros para a participación como expositores en feiras de interese artesanal nacionais ou internacionais. No caso dos Concellos, os apoios poden alcanzar os 15.000 euros e destinaranse á organización de feiras ou eventos de interese artesanal.
Pola súa banda, as asociacións profesionais e empresariais de artesáns poderán optar a achegas de ata 18.000 euros pola organización de feiras de artesanía no ámbito da Comunidade Autónoma; mentres que para o mantemento de páxinas web, os apoios económicos poden chegar aos 20.000 euros.
Esta orde de axudas está dotada cun crédito orzamentario de 265.000 euros e o prazo para presentar as solicitudes finaliza o próximo 29 de maio.