La construcción del Centro Galego de Protonterapia permite tratar tumores de difícil acceso ou situados en lugares sensibles
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, adiantou este xoves un investimento de máis de 22 millóns de euros para a construción do Centro Galego de Protonterapia, chamado a situar a Galicia á vangarda no tratamento do cancro. En concreto, o Consello da Xunta autorizou a contratación da redacción do proxecto básico e de execución, obra e dirección de obra do novo centro por un importe total de 22.278.896 euros, susceptible de ser cofinanciado nun 60 % polo programa operativo Feder Galicia 2021-2027. “As obras se licitarán de forma inmediata e o prazo de execución será de 28 meses”, indicou Rueda.
Subliña que o proxecto, cuxo prazo de execución é de 28 meses, acollerá un dos sistemas “máis avanzados” contra a enfermidade e permitirá atender a pacientes tanto de Galicia como de Asturias e Castela e León
Segundo explicou, o futuro centro ubicado en Santiago acollerá un dos tratamentos “máis avanzados para tratar o cancro” e permitirá atender a pacientes “tanto de Galicia como de Asturias e Castela e León”. A protonterapia consiste nun sistema de alta precisión que permite tratar tumores de difícil acceso ou situados en lugares sensibles, reducir de forma significativa a duración dos tratamentos e evitar os efectos secundarios doutras técnicas.
O Centro de Protonterapia estará dotado de 20 profesionais entre oncólogos radioterapeúticos, radiofísicos, enxeñeiros, persoal de enfermaría e técnicos de radioterapia, e traballará en rede con todos os servizos de radioterapia de Galicia, e de maneira multidisciplinar coas especialidades implicadas nas indicacións que son as de oncoloxía médica, cirurxía, traumatoloxía, pediatría, neurocirurxía, oftalmoloxía e anestesia.
Como consecuencia da complexidade técnica que supón esta actuación, o Executivo galego considera necesario a realización conxunta da redacción do proxecto, a obra e a dirección da obra deste centro, que se localizará en Santiago de Compostela. “Galicia convértese así, na primeira comunidade en licitar a obra para instalar o seu equipamento de protonterapia”, resaltou Rueda.
A protonterapia supón unha importante mellora da calidade asistencial, xa que permite unha liberación máis localizada da radiación, o que comporta unha mellor distribución da dose
Esta contratación responde á necesidade de dar unha correcta cobertura sanitaria á poboación galega, posibilitando a realización de tratamentos de protonterapia. Hai que sinalar, ao respecto, que os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano xa recollen unha partida de dez millóns de euros para iniciar a construción.
Este centro reforza a Estratexia de xestión do cancro en Galicia 2022-2028, presentada pola Xunta no mes de outubro, que aplica medidas para conseguir que cada vez menos persoas enfermen desta patoloxía e se incremente a supervivencia dos que a padecen. Esta nova estratexia incorpora innovación clínico-asistencial, tecnolóxica, organizativa e de xestión, destacando rutas asistenciais axustadas aos diferentes tipos de cancro. Na Estratexia, a saúde pública terá tamén un papel determinante, pois desenvolverá todo o seu potencial preventivo do cancro mediante a promoción da saúde, o control dos factores de risco e a detección precoz, con cribaxes poboacionais.
Ademais, e co obxectivo de que Galicia dispoña dos tratamentos máis avanzados para combater e tratar os cancros, xunto con este Centro de Protonterapia que hoxe tratou o Consello na súa reunión semanal, o Executivo galego segue a avanzar na posta en funcionamento do Centro de Produción de Terapias Avanzadas de Galicia.
PRIORIDADE ESTRATÉXICA
A instalación desta tecnoloxía xa era unha prioridade estratéxica para a Xunta de Galicia desde hai tempo, como o demostra que, xa no mes de marzo do ano pasado, se anunciou a súa inclusión entre os proxectos prioritarios da candidatura galega aos fondos NextGeneration.
Durante o ano pasado, a Consellería de Sanidade estivo levando a cabo un estudo para a implantación da técnica de protonterapia en Galicia, no marco dun convenio de colaboración entre a Consellería e o Sistema universitario de Galicia (SUG). Neste informe reuniuse e analizouse a información actualizada existente sobre solucións técnicas e operativas que permitan abordar a implantación dun centro de protonterapia para toda Galicia.
A protonterapia é unha modalidade especial de radioterapia que utiliza un feixe de protóns que permiten maior precisión ao impartir a dose de radiación, diminuíndo os efectos adversos en tecidos e órganos sans que rodean o tumor.
A Xunta asinou co Ministerio de Sanidade, a finais do ano pasado, un convenio que permite axilizar os procesos e implantar en Galicia este centro que vai atender, especialmente, as necesidades médicas daqueles pacientes oncolóxicos con longa supervivencia, sobre todo na poboación infantil.
O convenio esténdese tamén a outras comunidades autónomas, co fin de cubrir un amplo espectro xeográfico e asistencial do Sistema nacional de saúde. Por medio deste convenio, a Fundación Amancio Ortega achega 280 millóns de euros ao Goberno de España.
En febreiro deste ano, o Ministerio de Sanidade publicou a licitación dos dez equipamentos que se van instalar en distintas comunidades autónomas, un deles no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Este concurso foi adxudicado a finais do mes de outubro por un importe de 263,5 millóns de euros á empresa IBA, sendo asinado o contrato o oito de decembro.
Entre os principais motivos polos que a área sanitaria compostelá acolle para toda Galicia o novo Centro de Protonterapia está a proximidade a un hospital referente en múltiples patoloxías neoplásicas, así como dispoñer de todas as especialidades que están claramente implicadas nas principais indicacións da protonterapia. Ao anteriormente sinalado, engádese a existencia dun contorno académico e de investigación e desenvolvemento con grande impulso en investigación básica e traslacional, que redundará nun beneficio directo para os pacientes.
A previsión pasa por considerar tamén un plan de cobertura que a medio prazo inclúa novas indicacións, actividades de investigación clínica e desenvolvemento tecnolóxico en protonterapia.
ALTA EFICACIA
A protonterapia demostrou unha alta eficacia e maior seguridade que a radioterapia convencional con fotóns ou electróns. É unha técnica que permite un tratamento moi eficaz de tumores de difícil acceso ou situados en lugares sensibles, cunha altísima precisión que acurta, de maneira moi significativa os tratamentos, e evita, en boa medida, os efectos secundarios doutras técnicas. Así mesmo, reduce de forma significativa tratamentos innecesarios en tecidos sans, sendo unha forma eficaz para tumores nos cales a radioterapia non resulta efectiva e a cirurxía non é unha opción.
A diferenza da radiación de fotóns tradicional, que aplica radiación en tecido san, a terapia de protóns é un tratamento que dirixe protóns cargados positivamente ao tumor, onde depositan a maior parte da dose de radiación. Con esta terapia, a radiación residual é mínima, o que reduce potencialmente os efectos secundarios e o dano ao tecido circundante.