Constitúese o Observatorio Galego da Familia e da Infancia para avanzar nunha estratexia común neste eido
A conselleira de Política Social, Fabiola García, presidiu hoxe a constitución do Observatorio Galego da Familia e a Infancia, organismo colexiado e de carácter participativo que terá por obxecto asesorar, estudar e propoñer actuacións nesta materia. Deste xeito, Galicia dótase dun novo instrumento para ter un maior coñecemento sobre a realidade das familias e das nenas e nenos en todos os seus ámbitos e para avanzar nunha estratexia común para o seu benestar.
Fabiola García enmarcou este Observatorio no cumprimento da Lei de apoio á familia e convivencia de Galicia e da Estratexia Galega de Infancia e Adolescencia e afirmou que os dereitos e a protección destes dous colectivos ten que continuar entre as prioridades da axenda das administracións. Tamén explicou que neste organismo terán voz os representantes de institucións e expertos que traballan no eido da familia e da infancia co gallo de deseñar as políticas públicas dos vindeiros anos neste campo.
Este novo Observatorio responde á mesma filosofía que o demográfico. Neste caso, está presidido pola conselleira de Política Social e conta coa participación de todas as áreas do Goberno galego, ademais dun vogal en representación dos órganos que dependen da Presidencia da Xunta. Así mesmo, están representados o Instituto Galego de Estatística (IGE), a Delegación do Goberno en Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), as tres Universidades galegas, a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, as centrais sindicais, a Confederación de Empresarios de Galicia e a Plataforma de Organizacións da Infancia de Galicia.
Entre as súas funcións está a elaboración de estudos e investigacións para detectar mellor as necesidades das familias e a infancia. Tamén poderá propoñer liñas estratéxicas e plan de intervención, así como coordinar as actuacións das administracións nestes ámbitos e canalizar as iniciativas das organizacións sociais.