Constitúese o Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presidiu a reunión de constitución do Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores, que celebra a súa primeira reunión de traballo tras a recente renovación dos seus membros. O representante da Xunta aproveitou a ocasión para dar a benvida aos novos participantes e encomendoulles “levar estas ensinanzas cara á excelencia, dado que son a canteira da que se nutre a cultura galega”.
O Consello renóvase, precisamente, para darlle pulo a estas ensinanzas e ten como funcións asesorar á Consellería nesta materia, emitir informe sobre os proxectos de disposicións normativas relativas a estas disciplinas ou sobre as propostas de creación ou modificación dos centros públicos que atendan estas ensinanzas.
Así mesmo, fomentará o coñecemento mutuo e o intercambio de información entre os centros que impartan ditas ensinanzas e entre estes e a Administración educativa e realizará estudos e programas de actuacións sobre as materias da súa competencia e, en particular, sobre as necesidades e problemas das ensinanzas artísticas galegas.
NOVOS MEMBROS
A maiores do conselleiro, que preside o órgano, forma parte do Consello o secretario xeral de Educación e FP, José Luis Mira, como vicepresidente; e Gonzalo Porral Mato, funcionario da Consellería de Cultura e Educación, como secretario.
Actuarán como vogais o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella; Isabel Aguirre de Úrcola, designada polo Parlamento de Galicia e vogal do padroado da Fundación Juana de Vega, e o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo.
Así mesmo, en calidade de expertos nas diferentes disciplinas, son vogais o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez (Arte Dramática); o expresidente da Asociación Galega de Artesáns Manuel González Arias (Artesanía), o inspector de Educación xubilado Rodrigo Porral Mato (Artes Plásticas e Deseño), a profesora xubilada de danza clásica Olga Ruiz López (Danza) e o director asociado da Real Filharmonía de Galicia, Maximino Zumalave (Música).
NOVO DECRETO DE DESEÑO
No transcurso da reunión, ademais da constitución deste órgano cos seus novos membros, abordouse o informe sobre o proxecto do decreto polo que se modifica o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Deseño en Galicia. En concreto a nova normativa permitirá mellorar os estudos na especialidade de Produto, establecendo dous itinerarios diferenciados nesa especialidade: Xeral e Xoiaría e complementos.