Comeza á recollida de mostras para a Cata dos Viños, Augardentes e Licores tradicionais de Galicia

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, vén de dar comezo á recollida de mostras para a celebración da cata oficial das Catas de Galicia 2023, correspondentes ás XXXV Cata dos Viños, XXV Cata das Augardentes, XII Cata dos Licores de Herbas, Licor Café e Augardente Envellecida, e X Cata das Augardentes de Herbas. 

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, vén de dar comezo á recollida de mostras para a celebración da cata oficial das Catas de Galicia 2023, correspondentes ás XXXV Cata dos Viños, XXV Cata das Augardentes, XII Cata dos Licores de Herbas, Licor Café e Augardente Envellecida, e X Cata das Augardentes de Herbas. Así, o persoal da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, en colaboración cos técnicos dos consellos reguladores de viños e augardentes, recollerá 462 mostras pertencentes a máis de 180 empresas para a fase de cata e a cata final ata o vindeiro venres 26 de maio.

Persoal da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, en colaboración cos técnicos dos consellos reguladores de viños e augardentes, recollerá 462 mostras pertencentes a máis de 180 empresas ata o vindeiro 26 de maio.

Con respecto aos viños, inscribíronse 416 mostras procedentes de máis de 160 adegas das cinco denominacións de orixe e das catro indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas das cales 281 son de branco e 135 de tinto, procedentes de 168 adegas. Pola outra banda, con respecto á cata das augardentes e licores tradicionais, hai unhas 46 mostras das indicacións xeográficas de augardentes e licores tradicionais de Galicia pertencentes a 16 empresas, das cales 14 correspóndense coa augardente de Galicia, cinco de augardente envellecida, outras cinco de augardente de herbas, 12 de licor de herbas e 10 de licor café. 

O traballo do persoal da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, en colaboración cos consellos reguladores, desenvólvese con todas as garantías, o rigor e a seriedade para garantir en todo caso o anonimato das marcas participantes. No que atinxe aos viños, o persoal da Consellería do Medio Rural recolle e identifica as botellas participantes nas súas respectivas adegas, co apoio dos responsables de cada selo de calidade. Para garantir que as catas sexan a cegas, todas elas se envolven en material opaco e introdúcense posteriormente nunha caixa selada. Así, só queda visible o nome da categoría na que participa e o tipo de viño -tinto ou branco-.

Con respecto ás augardentes e os licores tradicionais, recóllense as mostras en envases idénticos de 3/8 de litro, dada a gran diversidade de botellas utilizadas na comercialización deste tipo de bebidas. Deste xeito, tamén resulta imposible recoñecelos e identificalos, asegurando a máxima rigorosidade e anonimato.

PRE-CATA E CATA FINAL

Para poder seleccionar os mellores viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia deste 2023, o certame pasará por una fase de pre-cata ou selección previa e unha cata final que, no caso dos viños, terá lugar entre os días 6 e 9 de xuño. Para as augardentes e licores tradicionais, esta fase de cata celebrarase o día 5 de xuño. Catadores de ámbito nacional pertencentes aos paneis de cata dos consellos reguladores, enólogos e sumilleres serán os encargados de analizar totalmente a cegas e de forma minuciosa as mostras, para pasar a seleccionar as marcas gañadoras.

A través destas catas, a Consellería do Medio Rural recalca a importancia de promocionar, identificar e premiar os mellores viños, augardentes e licores galegos -elaborados fundamentalmente con uvas de variedades autóctonas- como uns produtos dotados dun carácter único e dunha personalidade recoñecible dentro e fóra da nosa comunidade.