“A ciencia básica é a que adoita xerar resultados cun impacto máis transformador para as nosas vidas”
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou hoxe no compostelán Pazo de San Roque o acto de ingreso de José Luis Mascareñas Cid (Allariz, 1961), catedrático de Química Orgánica da Universidade de Santiago, como académico numerario da institución. O investigador pronunciou o seu discurso de ingreso, titulado “Ciencia, Catálise e Vida”, que foi contestado en nome da RAGC polo académico Franco Fernández González.
O presidente da RAGC, Juan Lema, abriu o acto, ao que asistiron outros académicos, así como a subdirectora xeral de Promoción Científica, Mª Jesús Tallón; Iria Carreira, do Grupo Parlamentario do BNG; o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; o vicerreitor de Política Científica da USC, Vicente Pérez Muñuzuri; o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Salvador Naya; o presidente da Real Academia de Farmacia de Galicia, Ángel Concheiro; e a alcaldesa do Concello de Allariz, Cristina Cid; xunto a diversos representantes de institucións políticas, culturais e académicas galegas.
Na busca de novos coñecementos para aplicalos á resolución de problemas reais
O presidente deulle a benvida ao novo académico, ao que se referiu como “un profesor e investigador brillante”. Del destacou o seu interese pola obtención e caracterización de compostos bioactivos, a busca de novos coñecementos para aplicalos á resolución de problemas reais e unha moi intensa relación internacional. “Tralo seu doutoramento ampliou o seu perfil cientifico na prestixiosa Universidade de Stanford e posteriormente no Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, Harvard e Cambridge, unha declaración de intencións ben significativa do seu interese en buscar alianzas do máximo nivel internacional” -salientou Juan Lema-. Tamén incidiu nas “relevantes técnicas de síntese” desenvoltas polo homenaxeado co obxectivo de obter compostos bioactivos de utilidade farmacolóxica. Nesta liña, sinalou que Mascareñas é autor de nove patentes, “un moi claro sinal da orientación do seu traballo”.
José Luis Mascareñas: “Sen o achado da penicilina non existirían os antibióticos e sen a fragmentación do ADN os avances na Medicina personalizada”
No seu discurso José Luis Mascareñas puxo de relevo que “o obxectivo fundamental da investigación científica debe ser a creación de novo coñecemento, mesmo por riba das propias aplicacións. A investigación dirixida a resolver problemas socioeconómicos urxentes ou circunstanciais é moi importante e necesaria, pero non pode facerse ao prezo de reducir o esforzo en ciencia básica, que é a que, a medio prazo, adoita xerar resultados cun impacto máis transformador para as nosas vidas”. Nesta liña, indicou que o seu campo de traballo, a química, “está chea de exemplos que demostran como as investigacións ligadas á curiosidade e ao simple interese por expandir a fronteira do coñecemento teñen unha influencia decisiva sobre o noso benestar. É o caso do achado da penicilina, que inaugurou a era dos antibióticos; ou o dos primeiros métodos moleculares de fragmentación do ADN descubertos na década dos 60, que logo permitirían os avances na secuenciación xenética e, á larga, o xurdimento da Medicina personalizada”.
Tal como subliñou o novo académico, “unha das áreas da Química onde se teñen producido máis avances de tipo fundamental nas últimas décadas é no desenvolvemento de catalizadores, substancias que, como os enzimas, favorecen determinadas transformacións químicas, sen esgotarse no proceso. Cómpre lembrar que os enzimas son as biomoléculas responsables de promover as reaccións químicas que acontecen dentro das nosas células. Algúns destes catalizadores `non naturais´ teñen tido unha repercusión moi directa no noso progreso e benestar, posibilitando por exemplo a preparación de medicamentos ou fertilizantes agrícolas, ou a creación de novos materiais e tecnoloxías, entre outras moitas aplicacións”.
O seu equipo descubriu que certos catalizadores artificais conseguen promover reaccións químicas programadas no interior das células, un achado moi relevante de cara ao desenvolvemento de novas terapias baseadas na activación selectiva de fármacos
Mascareñas salientou que “hai uns anos, no seo do noso grupo de investigación, preguntámonos se algún destes catalizadores artificiais podería funcionar no mesmo lugar onde actúan os enzimas, é dicir, dentro das células e dos organismos vivos. Motivados pola curiosidade e o desexo de explorar esta interface entre catálise artificial e vida, fomos quen de descubrir que certos catalizadores metálicos -de paladio, de rutenio e algúns outros- conseguen promover reaccións químicas programadas no interior das células vivas. A pesar de que estes descubrimentos están aínda na súa infancia, e deben enmarcarse no eido da ciencia fundamental, é ben posible que poidan ter aplicacións en biomedicina, especialmente de cara ao desenvolvemento de novas terapias baseadas na activación selectiva de fármacos”.
Franco Fernández, académico: “Os coñecementos científicos que xeremos hoxe, axudarannos a resolver problemas vitais que se nos presentarán mañá”
O académico Franco Fernández respondeu á disertación do novo membro da RAGC, destacando o valor da ciencia básica, área na que traballa Mascareñas, fronte á ciencia aplicada. “É unha dicotomía un tanto artificial e certamente perigosa. Ámbalas dúas son absolutamente necesarias. Así, moitos dos achados que na súa orixe foron casuais, no contexto de investigacións motivadas pola mera curiosidade de expandir o coñecemento na Física, a Química ou a Bioloxía, acabaron sendo a peza fundamental para o desenvolvemento de utilidades técnicas que hoxe en día nos parecen tan desexables e imprescindibles como as probas PCR, os raios X, a luz láser, o GPS, os antibióticos ou a secuenciación xenómica, entre outras moitas” -salientou-. O académico concluíu a súa intervención manifestando que “os coñecementos científicos que xeremos hoxe, axudarannos a resolver problemas vitais que se nos presentarán mañá”.