Os centros galegos poden impartir a FP a distancia cunha presencialidade de entre o 25 e o 100% en función das necesidades do alumnado
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, reuniuse hoxe co Consello Galego de FP para explicar a oferta de ciclos, másteres e programas formativos para o curso 2023/24. Un total de 42.174 prazas nun catálogo amplo e variado para dar resposta ás necesidades de todas as familias profesionais, sectores e territorios.
Cómpre salientar que, do total das 42.174 novas prazas, 34.704 son na modalidade presencial, a maior oferta presencial da historia, e só 7.470 son a distancia. Ademais, haberá 1.482 grupos cursando Formación Profesional de xeito presencial e só 151 o farán a distancia.
A directora xeral lamentou a confusión xerada arredor da oferta de FP a distancia, e lembrou que todos os alumnos que iniciaron un ciclo ordinario presencial o curso 2022/23 van poder rematalo tamén de xeito presencial o curso que vén. No caso do alumnado que procede do réxime modular para adultos, os centros poderán regular a posibilidade de presencialidade, que vai do 25% do horario ao 100%, en función das necesidades do alumno.
De feito, a orde de 2010 que regula a FP a distancia xa recolle que “a docencia nesta modalidade inclúe unha parte presencial no centro educativo cunha duración de entre o 25 % e o 100 % das horas semanais establecidas para cada módulo profesional. Os centros educativos adecuarán a duración desta formación para atender ás necesidades do alumnado matriculado”. Esta posibilidade recordarase esta mesma semana na publicación da oferta no Diario Oficial de Galicia.
En calquera caso, a representante da Xunta reiterou que o obxectivo da oferta a distancia é incrementar as oportunidades dos estudantes, atendendo ás necesidades de distintos colectivos como traballadores en activo aos que esta modalidade, máis flexible, lles permite compatibilizar estudos e traballo, favorecer así a conciliación e achegar a oferta a poboación do rural.
Cómpre lembrar que a formación a distancia é unha necesidade demandada por centros, estudantes e empresas, transmitida á Xunta durante os encontros realizados ao abeiro do Plan Conecta FP nos últimos meses para deseñar a oferta. Esta formación faise exclusivamente na modalidade de adultos e só en titulacións que, polas súas características, o permiten. De feito, moitas solicitudes dos centros para impartir esta modalidade non foron atendidas por este motivo.