A Central Agropecuaria de Silleda, referente na comercialización de gando a nivel nacional
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe a Central Agropecuaria de Galicia Abanca de Silleda como un referente na comercialización de gando en Galicia e a nivel nacional. A conselleira, acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, asistiu á segunda poxa de gando deste ano na Central e subliñou que Silleda é un dos oito mercados de gando en España, tres dos cales están en Galicia (os outros dous son Amio, en Santiago de Compostela, e Castro de Ribeiras de Lea, en Castro de Rei).
Gómez salientou que a Central, xestionada pola Fundación Semana Verde, realiza a única poxa de gando bovino informatizada do país. Este sistema de poxa pública con xestión informática exclúe intermediarios e facilita o proceso de compra.
A conselleira engadiu que para Galicia “é toda unha honra poder contar con instalacións destas características, pioneiras en innovación e que nos achegan cifras que poñen de relevo a boa situación da que está a gozar o sector”. Lembrou que en 2024 asistiron ao mercado 53.732 animais, cun volume de transaccións de máis de 39 millóns de euros. A asistencia aumentou un 6,1% respecto ao ano anterior, acadando a mellor cifra dende 2009.
Liderado de Galicia no sector agrogandeiro
A titular de Medio Rural sinalou que Galicia lidera o sector agrogandeiro, “froito do traballo e a profesionalidade dos nosos agricultores e gandeiros, co apoio da Xunta”. Este apoio concretouse en medidas como as axudas da convocatoria de 2024 para plans de mellora de explotacións e para fomentar a remuda xeracional, apoiando a incorporación de novos agricultores, cunha inxección de arredor de 45,9 millóns de euros.
Estes fondos, indicou a conselleira, propiciarán a mellora de 370 explotacións e apoiarán a incorporación de 320 mozos (menores de 40 anos) e 133 novos agricultores (de 41 a 55 anos), uns 800 expedientes en total. Gómez tamén destacou a xestión e axilización das axudas da PAC, sinalando que Galicia lidera os pagos das achegas directas co 83% do total aboado fronte ao 56% da media estatal.
A conselleira subliñou o Plan para fomentar a remuda xeracional, baseado na formación, a incorporación e a sensibilización para afianzar o futuro do rural galego, que inclúe o Banco de explotacións, para conectar titulares de explotacións que cesan a súa actividade con persoas interesadas en continuar a xestión, mediante compra ou arrendamento.
A Xunta tamén apoia á distribución e á industria vinculada ao sector primario. Dende 2016, o Goberno galego xestionou axudas para a transformación e comercialización de produtos agrarios cun orzamento conxunto de máis de 195 millóns de euros, que subvencionaron investimentos por máis de 628 millóns de euros e permitiron o desenvolvemento de máis de 550 proxectos tractores para a comunidade.